Vinte e cinco obradoiros artesáns participan nun curso en liña para formarse en marketing, xestión e estratexia empresarial

A Fundación Artesanía de Galicia organiza o curso “Formación estratéxica para a nova artesanía”

Nesta última parte do ano está previsto realizar outra formación online centrada no marketing dixital e nas redes sociais

Os titulares de vinte e cinco obradoiros inscritos no Rexistro de Artesanía de Galicia comezan esta tarde o curso Formación estratéxica para a nova artesanía, organizado pola Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, para mellorar as competencias dos artesáns galegos no eido da estratexia empresarial e dos novos modelos de xestión. O curso, que se imparte de xeito gratuíto, continuará os días 13, 20 e 27 de outubro e contará con sesións de titoría individualizadas para cada empresa.

Trátase da primeira vez que a Fundación Artesanía de Galicia ofrece unha proposta de formación completamente online e en breve está previsto convocar outra máis e que estará centrada no marketing dixital e nas redes sociais para o sector da artesanía.

A formación correrá a cargo das economistas Xènia Viladàs e Marta Ruiz de León e a través dela os obradoiros participantes poderán realizar unha análise de como están a traballar e recibir as claves para realizar as modificacións que favorezan o seu crecemento como empresa, a través dun asesoramento personalizado.

A chamada “nova artesanía” sitúase no centro dunha economía sostible e centrada nas persoas, que se apoia nuns valores empresariais e culturais innovadores e diferentes, o que fai preciso que os artesáns dispoñan de novos modelos de xestión empresarial. O curso céntrase na estratexia empresarial como mapa sobre o que trazar a propia senda de crecemento; o márketing como apoio flexible a toda a actividade do obradoiro e o control de diversos indicadores como guía para asegurarse unha xestión eficiente.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/51978/vinte-cinco-obradoiros-artesans-participan-nun-curso-lina-para-formarse-marketing

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.