Román Rodríguez avanza un investimento extra de 10M€ para impulsar museos máis innovadores cos fondos Next Generation

O Goberno autonómico está traballando na candidatura que suporía unha inxección económica para modernizar estes centros

Destaca que a nova Lei de Museos tamén intensificará a dixitalización de contidos e a posta en marcha do Consello de Centros Museísticos de Galicia

“Están sendo un exemplo na transición dixital da cultura co uso das TIC e o impulso dunha canteira de creadores multidisciplinares”, indica

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o acto institucional en conmemoración do Día Internacional dos Museos que se celebra baixo o lema O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar, no que reivindicou o papel destes centros como un dos principais motores da transición dixital da cultura galega.

O responsable de Cultura da Xunta salientou que a Xunta está a traballar na candidatura dos fondos Next Generation co obxectivo de acadar unha inxección extra de 10 millóns de euros para os vindeiros tres anos coa intención de impulsar “museos máis innovadores, dixitais, sustentables e eficientes” á vez que asegurarán a súa preservación e desfrute pola cidadanía reforzando o seu papel no eido educativo e como dinamizadores económicos.

Indicou que esta medida axudará a continuar o traballo destes centros que, xunto con outras entidades como bibliotecas e arquivos, están “asumindo e mesmo liderando o proceso de transformación dixital da cultura”. Puxo como exemplo o traballo levado a cabo especialmente como consecuencia da crise sanitaria e o confinamento, no que deseñaron unha programación para chegar ao público que fixo posible ampliar os seus servizos. Agradeceu a súa capacidade de adaptación ao saber reformular a súa relación coa sociedade a través da renovación e actualización das súas páxinas web, as visitas virtuais, a posta en marcha de guías multimedia interactivas ou a mellora da súa proxección e visibilización online.

“Este camiño é o que debe guiar os procesos de transformación dixital da nosa cultura, e que, ademais, pasa necesariamente por pensar nas capacidades e nas oportunidades que a tecnoloxía ofrece para o uso e consumo cultural, consolidar unha canteira de artistas e creadores multidisciplinares, e, en definitiva, integrar novas dinámicas de traballo en rede que faciliten o acceso á cultura”, engadiu Román Rodríguez.

Máis accesibilidade

De cara ao futuro salientou tamén o papel que terá a nova Lei de Museos, xa en vigor, e que se está a consolidar como unha norma que ofrece unha regulación global e detallada para calquera tipo de manifestación museística. Como indicou, entre outras medidas, permitirá que se intensifique a dixitalización de contidos dos museos e se poña en marcha o Consello de Centros Museísticos de Galicia, “unha ferramenta que permitirá coordinar e xestionar de xeito integrado a política museística da Comunidade”

Avanzou, ademais, que traballa se para completar esta norma a través de dous novos proxectos, a Lei de Transformación dixital da cultura e a Lei de inclusión e accesibilidade cultural, “co obxectivo común de garantir e intensificar o recoñecemento do dereito de todas as persoas a participar na vida cultural”, expresou o conselleiro de Cultura.

Responsables da rede museística

No acto de conmemoración do Día Internacional dos Museos estivo acompañado de xeito presencial e por vídeoconferencia dos responsables da rede museística, Mª Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes da Coruña; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense; Esperanza Gigirey, directora do Museo de Peregrinacións de Santiago; Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Galicia; Covadonga López de Prado, directora do Museo Massó de Bueu; Ana Isabel Vázquez, directora xerente Cidade da Cultura, e Santiago Olmo, director do CGAC. Todos eles afondaron na súa programación e os retos de futuro dos museos

Este acto enmárcase nas celebracións que se levan a cabo estes días nos centros museísticos xestionados pola Xunta que suma un conxunto de máis de 30 actividades presenciais e en liña que abranguen obradoiros, visitas guiadas ou concertos, entre outros.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/58117/roman-rodriguez-avanza-investimento-extra-10m-para-impulsar-museos-mais-innovadores

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.