O PP urxe á Deputación a que realice as actuacións necesarias para mellorar a seguridade viaria na DP-3104

O grupo do Partido Popular no Concello de Culleredo, a través da súa portavoz, Izaskun García, trasladará este venres ao pleno da Deputación da Coruña un rogo no que os populares urxen ao executivo provincial a que realice as actuacións necesarias para mellorar a seguridade viaria no DP-3104, ao seu paso pola parroquia de Liñares.

García recorda que, o pasado mes de decembro do 2019, o Concello de Culleredo elaborou un proxecto de senda entre a igrexa antiga de Tarrío e a N-550 e que, ademais, o executivo local acababa de trasladar á Deputación un proxecto para a mellora da seguridade viaria na estrada DP-3104 ao seu paso por Liñares.

“Trátase dunha actuación que responde ás demandas trasladadas polos veciños da zona, que necesitan dun espazo para camiñar en condicións de seguridade, e inclúe a construción dunha rede de recollida de pluviais”, indicou a portavoz popular, quen explicou que a senda peonil proxectada discorrerá pola DP-3104, entre a igrexa antiga de Tarrío e o cruzamento coa Nacional-550, e contará cunha lonxitude de 1,7 quilómetros.

“A día de hoxe, transcorridos xa case 11 meses, non se iniciaron as actuacións comprometidas para unha zona que é moi transcorrida polos veciños”, indicou García, quen demandou que a Deputación tome nota “canto antes” e leve a cabo o proxecto.

Accesibilidade pavillóns
Por outra banda, os populares levarán tamén ao pleno municipal unha proposta na que reclaman ao goberno local que realice un estudo técnico do estado no que se atopan os pavillóns deportivos do Concello de Culleredo, concretamente no referido ao acceso ás persoas con mobilidade reducida.

“O obxectivo é determinar que actuacións son necesarias para, posteriormente, acomodar todas estas instalacións ás demandas e ás esixencias que marca a normativa vixente”, concluíu García.

https://ppcoruña.es/o-pp-urxe-a-deputacion-a-que-realice-as-actuacions-necesarias-para-mellorar-a-seguridade-viaria-na-dp-3104-2/

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *