Galicia contribúe ao mantemento da cadea alimentaria durante o estado de alarma polo coronavirus coa extracción de 5.000 toneladas de moluscos e ourizo

Os controis realizados polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño permiten manter a comercialización destes produtos do mar con todas as garantías sanitarias

Máis dun 96% deste produto que saíu ao mercado é mexillón, especie que dobrou a cantidade extraída na segunda quincena do estado de alarma con boa parte dos polígonos abertos á extracción pola ausencia de biotoxinas

As funcións esenciais que mantén o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) durante o estado de alarma decretado polo Goberno central pola crise do coronavirus permitiron a extracción e posta no mercado de preto de 5.000 toneladas de moluscos -fundamentalmente mexillón- e de ourizo nas catro semanas que van do 16 de marzo ao 12 de abril, o que contribuíu ao mantemento da cadea alimentaria na comunidade. Neste período, no que boa parte dos polígonos de bateas estaban abertos á extracción pola ausencia de biotoxinas, máis do 96% desas case 5.000 toneladas de produto extraído correspóndese con mexillón.

Durante as catro primeiras semanas do estado de alarma o persoal do Intecmar, repartido entre os que realizan teletraballo e os que fan traballo presencial, realizou máis de 650 análises de biotoxinas, de poboacións fitoplanctónicas tóxicas e de contaminación microbiolóxica, emitiu 25 informes de ensaio e actualizou a situación das zonas de produción de moluscos ata en 36 ocasións, entre outras funcións.

Este labor no control técnico-sanitario dos produtos do mar é básico para manter a actividade esencial para o subministro de alimento e permitiu a chegada ao mercado con todas as garantías sanitarias de preto de 4.800 toneladas de mexillón e de máis de 186 toneladas doutros moluscos e de ourizo. Deste xeito, coas súas funcións esenciais o centro dependente da Consellería do Mar vela polo cumprimento da lexislación en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar para garantir a seguridade alimentaria imprescindible para o abastecemento, un papel que tamén será clave na recuperación da actividade marisqueira unha vez que se levante o estado de alarma e o confinamento.

Dentro deste período, os datos dos que dispón a Consellería do Mar dos documentos de rexistro reflicten unha suba nas descargas de mexillón entre a primeira quincena do estado de alarma e a segunda. Entre estes períodos a extracción desta especie multiplicouse por máis de dous ao pasar de máis de 1.500 toneladas a superar as 3.200.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/48432/galicia-contribue-mantemento-cadea-alimentaria-durante-estado-alarma-polo-coronavirus

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.