Aprobado o decreto da oferta de 1.604 prazas na OPE de educación de 2021

Feijóo salienta que deste xeito o número de prazas convocadas pola Xunta elévase a 10.665 no eido educativo nos últimos cinco anos

Reafirma o compromiso coa calidade do ensino e co obxectivo de avanzar na estabilización dos docentes

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou do visto e prace á Oferta Pública de Emprego docente do ano 2021, que contará con 1.604 prazas e cuxas probas se celebrarán en 2022, toda vez que as do ano anterior tiveron que ser adiadas pola pandemia.

En concreto, sinalou, máis do 85% destas prazas serán de novo ingreso, un total de 1.372, das que 652 serán do corpo de mestres, 692 de profesores de secundaria, 20 de escolas oficiais de idiomas e 8 de profesores de arte e deseño. Mentres que, as restantes, 232 reservaranse para promoción interna, sendo a maioría, 230 de profesores de ensino secundario e as 2 restantes de acceso ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño.

Con esta oferta, subliñou, o número de prazas convocadas pola Xunta elévase a 10.665 no eido educativo nos últimos cinco anos, ao tempo que incidiu en que se reservará unha cota do 7% para persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.

Máis polo miúdo, tamén explicou que as prazas por especialidades determinaranse unha vez que se coñezan as necesidades concretas do sistema educativo para os seguintes cursos e se negocien na mesa sectorial.

En definitiva, reafirmamos o noso compromiso coa calidade do ensino, dixo, referíndose de igual modo ao obxectivo de avanzar na estabilización dos docentes e contar só cun 5% de interinidade no curso académico 2022-2023.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/57998/aprobado-decreto-oferta-1-604-prazas-ope-educacion-2021

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.