A Xunta reforza en Culleredo a preparación do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia ante lumes de situación operativa 1

Hoxe levouse a cabo un simulacro na parroquia de Celas, para comprobar as capacidades do dispositivo en lumes que afectan de xeito importante ao monte ademais de poder poñer en risco ás persoas e bens

En concreto, realizáronse adestramentos específicos sobre comunicacións Tetra, manobras de autoprotección ou coordinación de medios

A Xunta realizou esta mañá un simulacro no concello de Culleredo para reforzar a preparación do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) de Galicia ante lumes nos que se activa a situación operativa 1, pola afectación a masas forestais e pola posibilidade de que estean en risco tanto as persoas como os seus bens. Deste xeito, comprobáronse as capacidades xerais do dispositivo neste tipo de situacións.

Así, o distrito forestal II Bergantiños-Mariñas coruñesas puxo a proba a capacitación dos efectivos mediante adestramentos específicos sobre comunicacións Tetra, manobras de autoprotección, coordinación de medios, etc. Tamén se ensaiou a activación da chamada de emerxencia por parte dos profesionais cando se atopan en situacións de perigo.

Este simulacro desenvolveuse no monte Xalo, na parroquia de Celas, onde participaron 2 técnicos, 3 axentes, 3 brigadas e 3 motobombas. Ademais, tamén se despregou persoal de protección civil de Culleredo e A Laracha para dar apoio loxístico nas tarefas de extinción.

En definitiva, este tipo de prácticas permiten non só reforzar os coñecementos dos integrantes do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia senón tamén testar a operatividade das tecnoloxías e así familiarizar aos profesionais co seu emprego.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/58860/xunta-reforza-culleredo-preparacion-servizo-prevencion-defensa-contra-incendios

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *