Hai uns días enviouse unha nova partida de 119.850 máscaras e 84.500 luvas
A Xunta leva entregado 1.654.330 luvas e 1.508.140 máscaras nos centros sociais e escolas infantís da provincia da Coruña desde o inicio da crise
A Xunta de Galicia vén de facer un novo envío de material de protección fronte á covid-19 con destino ás residencias e entidades sociais e incluíuse tamén ás escolas infantís e aos centros sociocomunitarios da provincia da Coruña. Nesta área a partida entregada foi de 119.850 máscaras e 84.500 luvas.
Entre o material enviado esta semana incluíronse tamén botes de xel hidroalcohólico e garrafas de desinfectante. No reparto de material tivéronse en conta as peticións que os propios centros e entidades trasladaron á Xunta tendo en conta as súas necesidades actuais.
Ata o de agora, o Goberno galego leva realizado 23 envíos de material aos centros sociais dos concellos da Coruña e ás escolas infantís que iniciaron o curso, con material de protección. Concretamente, no que levamos de crise o Goberno autonómico enviou 1.654.330 luvas e 1.508.140 máscaras, entre outros materiais, á provincia coruñesa.
Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que o Goberno galego puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus.