A Xunta pon en marcha un grupo de expertos multidisciplinar para adaptar o Xacobeo 2021 ao escenario post Covid-19

Avanzouno hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras manter un encontro con asociacións de amigos do Camiño de ámbito estatal

Destacou que o vindeiro Ano Santo debe exercer como motor de reactivación cultural e turístico e salientou a necesidade de actuar de xeito planificado

Reclamou ao Goberno central que estenda a 2022 as desgravacións fiscais para este evento co obxectivo de estimular as achegas económicas privadas

A Xunta porá en marcha un grupo de expertos multidisciplinar co obxectivo de adaptar o Xacobeo 2021 á saída da crise sanitaria provocada polo Covid-19. Avanzouno hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras manter un encontro con representantes de asociacións de amigos do Camiño de ámbito estatal, unha xuntanza que se enmarca na rolda de contactos iniciada nas últimas semanas con diferentes colectivos para abordar a situación actual.

Este grupo de traballo contará cunha ampla presencia de representantes de todos os colectivos implicados no feito Xacobeo, como as propias asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da Comunidade, entre outros. O obxectivo desta iniciativa, puntualizou Román Rodríguez, será elaborar nunha folla de ruta que permita reorientar o Xacobeo 2021 para convertelo nun motor de reactivación económica que favoreza, así mesmo, a dinamización das zonas rurais, potenciando as industrias creativas e a recuperación do sector turístico.

O conselleiro destacou que a creación deste grupo de expertos permitirá avanzar nesta estratexia “de xeito planificado e sen improvisación”, contando coa colaboración dos distintos axentes implicados e evitando xerar incertezas nos sectores afectados.

Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo solicitou a implicación por parte do Goberno central e reiterou a importancia de que atenda algunhas das demandas de Galicia neste eido, como a extensión a 2022 das desgravacións fiscais para o vindeiro Ano Santo co obxectivo de estimular as achegas privadas e captar máis recursos para o desenvolvemento de proxectos culturais e turísticos. Lembrou tamén a necesidade de convocar un Consejo Jacobeo extraordinario para avaliar a situación actual do Camiño de Santiago e analizar de xeito conxunto medidas para minimizar o impacto que esta crise está tendo nos territorios polos que transcorre a Ruta Xacobea.

Encontros a nivel galego, nacional e internacional

A xuntanza de hoxe da continuidade á rolda de contactos iniciada polo titular de Cultura e Turismo cos colectivos vinculados ao feito Xacobeo. Hai uns días mantivo un encontro cos principais colectivos de amigos do Camiño a nivel galego, hoxe foi a quenda das asociacións de ámbito estatal e está previsto que en próximas datas manteña un encontro con algunhas das agrupacións máis destacadas no eido internacional.

Na xuntanza de hoxe participaron representantes da Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago, da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, da Federación Andaluza de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago, da Agrupación de Asociaciones de Amigos del Camino Norte de Santiago, da Federación de Asociaciónes de Amigos del Camino de Santiago de Levante Sureste, da Asociación de Amigos del Camino de Santiago. Vía de la Plata. Fuenterroble de Salvatierra e da Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Madrid.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/48449/xunta-pon-marcha-grupo-expertos-multidisciplinar-para-adaptar-xacobeo-2021-escenario

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.