A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe en Santiago de Compostela un webinario dirixido a 500 persoas, que se repetirá o próximo día 18 debido a que se superou o número máximo de prazas
O obxectivo é que as empresas leven a cabo unha correcta elaboración deste rexistro, xa obrigatorio para as compañías, para poder coñecer as posibles desigualdades salariais entre mulleres e homes
Mancha destacou que a finalidade principal é que as empresas tomen conciencia e adopten medidas que eliminen a fenda salarial
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe un webinario co que a Xunta ofrece formación práctica ao tecido empresarial galego sobre como facer un rexistro retributivo. Na iniciativa participaron un total de 500 persoas, o número máximo de prazas, polo que a experiencia práctica repetirase o próximo martes 18 de maio.
Mancha expuxo que a Consellería de Emprego e Igualdade pretende co webinario, a través da elaboración dun rexistro retributivo, clarificar as obrigas das empresas referentes ao rexistro salarial, que afecta a todo o tecido produtivo sen distinción no número de traballadores.
É preciso lembrar que o Real Decreto 902/2020, que desenvolveu o RDL 6/2019, require ás empresas a elaboración dun rexistro retributivo con inclusión dos valores medios dos salarios, complementos salariais e percepcións extra salariais desagregados por sexos, e a obtención das medias aritméticas e as medianas.
Así, Mancha apuntou que o que se busca é a elaboración correcta deste rexistro para que se poidan extraer datos que permitan dar a coñecer as posibles desigualdades salariais entre mulleres e homes. “O obxectivo principal é que as empresas tomen conciencia e adopten medidas que eliminen de xeito progresivo a fenda salarial”, matizou.
O webinario, ademais, contou coas relatoras Mónica González Otero, inspectora de Traballo e Seguridade Social destinada en Vigo; e María de los Ángeles García, graduada social, avogada e auditora sociolaboral, experta en políticas de igualdade, prevención de riscos laborais e responsabilidade social corporativa; e presidenta da Asociación Profesional de Especialistas en Xénero, Igualdade, Acoso e Violencia de Xénero (Apregen).