A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o inicio desta contratación por un importe de máis de 796.000 euros
O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro día 17 de setembro
A Xunta recibiu 191 propostas para achegar solucións innovadoras á xestión da auga, no marco desta iniciativa dotada dun orzamento de 9,5 millóns de euros
Un dos retos do proxecto consiste en desenvolver un sistema integral de recompilación, procesado e interpretación de datos en tempo real que facilite a toma de decisións por parte de Augas de Galicia
A iniciativa aposta pola aplicación do modelo de economía circular no ciclo integral da auga, con especial énfase nas infraestruturas de depuración de augas residuais
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita o servizo de apoio técnico para o desenvolvemento do proxecto Innovaugas 4.0 coa fin de mellorar a xestión da auga e incrementar a capacidade de resposta ante o cambio climático.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o inicio desta contratación por un importe de máis de 796.000 euros. O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro día 17 de setembro.
A Xunta, con este trámite administrativo, cumpre a solicitude do Ministerio de Ciencia e Innovación como paso previo á sinatura do convenio.
Os traballos a realizar polo adxudicatario consisten no apoio técnico especializado en materia de innovación e tamén na dirección, coordinación e xestión do proxecto.
O proxecto Innovaugas 4..0, dotado dun orzamento de 9,5 millóns de euros, cofinanciado polo fondo europeo FEDER e que conta tamén coa achega da Axencia Galega de Innovación (GAIN), ten como obxectivo acadar solucións novidosas para a xestión hídrica.
Augas de Galicia xa recibiu un total de 191 propostas innovadoras do sector empresarial e do mundo da investigación para o desenvolvemento de solucións para a xestión dos recursos hídricos no marco da citada iniciativa.
A información aportada polos participantes no proceso de consultas preliminares ao mercado constituirá a base para a confección dos pregos de contratación para executar as melloras na xestión hídrica nunha conca piloto da Demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
As solucións deberán considerar o escenario actual de cambio climático, proporcionando capacidade de resposta para adaptarse aos fenómenos naturais e anticiparse a eles.
Tamén cómpre dispor de ferramentas para a mellora da resiliencia dos sistemas de abastecemento fronte á seca co fin de predicir estas situacións con modelos meteorolóxicos, cuantificar os recursos hídricos dispoñibles e definir as reservas e o control de perdas.
As solucións tamén incluirán os mecanismos para obter sistemas de información de xestión de recursos hídricos integrada avanzada. Neste caso, é preciso desenvolver ferramentas de recompilación, procesado e interpretación de datos en tempo real a través dun sistema integral de información e a súa adaptación para o apoio á toma de decisións por parte de Augas de Galicia.
A iniciativa vincularase á economía circular, pois búscanse solucións que minimicen a pegada enerxética e o volume de produción de residuos na depuración de augas residuais a través da xestión intelixente das plantas e opcións que aumenten a circularidade do proceso de depuración coa valorización dos seus subprodutos.