A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o director da Fundación Ronsel, Luís García Deber, presentaron hoxe en Santiago de Compostela a 2ª edición do programa ‘Mentoring’ dirixido a 200 profesionais autónomos
A Xunta destina este ano 250.000 euros a esta iniciativa que porá o foco en atenuar as consecuencias da covid no tecido empresarial galego como complemento aos plans de rescate inmediato activados polo Goberno galego nos últimos meses
Terán preferencia de acceso as persoas traballadoras autónomas beneficiarias dalgunha das axudas dos plans de rescate da Xunta e quen acredite máis de 42 meses de actividade profesional
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do director da Fundación Ronsel, Luís García Deber, presentaron hoxe por videoconferencia desde Santiago de Compostela o 2º programa de Mentoring desta entidade, dirixido a que uns 200 profesionais autónomos de Galicia consoliden os seus negocios e que, este ano, estará orientado de xeito especial a reducir o impacto negativo da covid-19 nas empresas.
A iniciativa, que conta co apoios do Goberno galego por valor de 250.000 euros, cumpre este 2021 a súa segunda edición, coa expectativa de chegar a 200 persoas traballadoras autónomas: 70 na provincia da Coruña, 70 en Pontevedra, 30 en Lugo e 30 en Ourense.
O programa de Mentoring arranca co triplo obxectivo de reducir os riscos das persoas autónomas na súa actividade profesional, acompañalas na consolidación dos seus negocios e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión, ao incremento dos seus contactos e actividade económica. O actual contexto fai que o enfoque da nova edición se redirixa a paliar ademais o impacto negativo da pandemia no traballo autónomo.
A conselleira subliñou a importancia de complementar os plans de rescate da Xunta -xa se está a deseñar o 3º- cos que o Goberno galego está a apoiar aos negocios máis afectados pola pandemia. Tal e como indicou “as axudas aportan inmediatez e alivian a situación de inseguridade financeira, pero deben ser complementados con medidas que faciliten a autosuficiencia e solidez do proxecto empresarial”.
“A ferramenta de mentoring permite adaptar as ensinanzas a cada realidade, nun proceso baseado na confianza mutua entre o mentor, e o beneficiario, onde a experiencia do primeiro pode chegar a ser un factor diferencial para maximizar o rendemento do servizo que ofrece o segundo” especificou a conselleira durante a presentación de hoxe.
Nesta edición terán un acceso preferente ao programa os autónomos que teñan recibido algunha axuda dos devanditos Plans de Rescate da Xunta e , nun segundo grupo, as persoas beneficiarias de calquera outra axuda da Administración autonómica. Darase prioridade ademais a profesionais cunha antigüidade mínima de 42 meses de actividade profesional, que contan cunha base para aproveitar con maior éxito os coñecementos que lle poidan aportar os mentores.
O prazo para a solicitude permanecerá aberto desde este xoves 25 de marzo durante un mes. A información está ao dispor das persoas interesadas na Oficina do Autónomo e nas páxinas web da Consellería de Emprego e Igualdade e da Fundación Ronsel.
Máis énfase na transformación dixital
O ano pasado, os 220 profesionais que participaron no proxecto piloto valorárono positivamente e un 90% fixérono de forma moi positiva. Na enquisa realizada ao remate do período, o 83,3% dos empresarios consideraron moi útil o programa para axudar a consolidar o negocio e un 85 % das persoas beneficiarias recoñeceron que a súa actividade profesional mellorara nas áreas de apoio do mentor.
Como melloras este ano, incrementarase o número de mentores con perfís en marketing dixital, vendas, e-commerce e transformación dixital; potenciaranse os contactos profesionais e as posibilidades comerciais entre as persoas participantes no proxecto e se prolongarán as mentorías a un mínimo de 9 meses.
“Pretendemos que este segundo programa sexa unha continuación do primeiro en canto aos éxitos acadados, pero a través dun novo enfoque que responda ás novas necesidades do mercado de traballo, e que permitan aos nosos autónomos e autónomas adaptarse e adiantarse aos diferentes escenarios de futuro que se poidan dar tras a crise da covid-19”, apuntalou a conselleira de Emprego e Igualdade.
A Xunta está a aportar na pandemia ferramentas que teñen un impacto positivo real nos proxectos de negocio destas persoas e, en última instancia, nas súas vidas. “A todos nos úne o obxectivo común de contribuír á mellora da empregabilidade das persoas a través de servizos de orientación laboral, intermediación, formación ocupacional e de asesoramento a emprendedores, unhas áreas de actuación nas que a Fundación Ronsel é referente con xa 20 anos de traxectoria”, concluíu Lorenzana.