A Xunta e a Fegamp colaborarán na reprogramación de eventos culturais adiados tras a crise do covid-19

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo un encontro co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela

Subliñou a necesidade de traballar man a man coas entidades locais á hora de reactivar o tecido cultural e turístico unha vez remate a actual crise sanitaria

Desenvolveranse medidas de seguridade específicas para os concellos turísticos da Comunidade e para aqueles polos que transcorre o Camiño de Santiago

A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) colaborarán á hora de coordinar a reprogramación dos eventos culturais adiados nos distintos concellos tras a crise sanitaria provocada polo Covid-19. Así o acordaron hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, ao presidente da Fegamp, Alberto Varela, nun encontro mantido a través de videoconferencia.

Durante a xuntanza, o titular de Cultura e Turismo subliñou a necesidade de traballar man a man coas entidades locais e as distintas administracións co obxectivo de reactivar o tecido cultural e turístico galego unha vez remate a actual crise sanitaria. Neste sentido, avanzou que a Xunta porá a disposición da Fegamp a plataforma online encargada de recoller e promocionar os distintos eventos culturais da Comunidade para facilitar a reprogramación das actividades adiadas “de xeito coordinado e evitando solapamentos”.

Segundo resaltou Román Rodríguez, as administracións locais “xogan un papel fundamental no apoio ás industrias culturais da Comunidade”, dado o peso que este sector ocupa na estrutura do seu gasto público e ao seren titulares de dotacións e equipamentos que permiten achegar todo tipo de creacións á cidadanía.

Así mesmo, o conselleiro de Cultura e Turismo incidiu na necesidade de traballar de xeito conxunto no deseño de protocolos para a celebración de diferentes eventos culturais e turísticos realizados nos concellos galegos para garantir a máxima seguridade dos participantes. Para poder avanzar nesta folla de ruta, lembrou que a Xunta xa lle solicitou ao Goberno central un calendario orientativo do proceso de desescalada que permita planificar a volta á normalidade dos distintos sectores, especialmente da cultura e o turismo.

“Son industrias vitais en Galicia pola súa capacidade de creación de emprego, e moi especialmente nalgúns concellos cunha elevada dependencia destes sectores”, puntualizou. Por iso, prevese manter nos próximos días unha nova xuntanza cos axentes culturais implicados.

Confianza no sector turístico

Durante o encontro, no que participaron tamén a directora de Administración local, Marta Fernández Tapias; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, Román Rodríguez destacou a cooperación á hora de avanzar nalgunhas das accións impulsadas polo Goberno galego no eido cultural e turístico. Entre elas destaca a elaboración dun plan de seguridade sanitaria para o turismo da Comunidade, que permitirá recuperar a confianza dun sector fundamental na economía de moitos concellos galegos.

No marco desta folla de ruta, o titular de Cultura e Turismo subliñou a aposta por medidas específicas nos municipios turísticos da Comunidade e nos concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago co obxectivo de favorecer a reactivación desta actividade e da Ruta Xacobea. Incidiu en que facer dos concellos galegos un destino seguro para os visitantes permitirá xerar certezas entre traballadores e usuarios e permitirá dinamizar a actividade económica dos concellos.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/48501/xunta-fegamp-colaboraran-reprogramacion-eventos-culturais-adiados-tras-crise

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *