As familias poderán solicitala a través dos servizos sociais dos concellos ou ben a través da Cruz Vermella e recibirana nun prazo máximo de 72 horas, co fin de que poidan dispoñer dela canto antes e recuperarse así das consecuencias xeradas pola emerxencia sanitaria da covid-19
Terá unha duración inicial de tres meses e a súa contía oscilará, en función do número de persoas da unidade familiar, entre os 400 e os 900 euros trimestrais
Esta iniciativa busca non estigmatizar ás persoas que reciben axudas sociais, ao permitir aos cidadáns beneficiarse desta prestación de maneira anónima
A Xunta de Galicia asinou esta mañá o convenio de colaboración con Cruz Vermella para a posta en marcha da tarxeta básica, que permitirá ás familias con poucos ingresos comprar produtos de alimentación, hixiene e farmacia e que comezará a tramitarse a partir de mañá. Na sinatura deste acordo participaron a conselleira de Política Social, Fabiola García, e a presidenta desta entidade en Galicia, Carmen Colmeiro.
Sobre a tramitación desta nova tarxeta básica, a conselleira trasladou que se poderá realizar ben a través dos servizos sociais dos concellos ou ben a través de Cruz Vermella a partir de mañá mesmo. Será un trámite sinxelo en puntos próximos aos cidadáns, o que permitirá, concretou, que os posibles beneficiarios poidan recibir a tarxeta no prazo máximo de 72 horas. O obxectivo fundamental, aseverou, é que as galegas e galegos con dificultades poidan facer uso desta axuda no menor tempo posible e recuperarse así das consecuencias socioeconómicas xeradas pola emerxencia sanitaria da covid-19.
Lembrou tamén que esta tarxeta terá unha duración inicial de tres meses e que se recargará automaticamente, mes a mes, cunha contía trimestral de 400 euros para unha familia dunha persoa, 600 euros para unha familia de dúas persoas e 900 euros para familias de tres ou máis persoas.
Fabiola García agradeceu á Cruz Vermella a súa disposición e vontade de axudar sempre ás persoas que máis o precisan e destacou que a súa longa traxectoria e experiencia a nivel nacional convértena na entidade idónea para a posta en marcha desta iniciativa. Así mesmo, puxo en valor unha das principais características desta tarxeta, isto é, que non estigmatiza ás persoas que reciben axudas sociais. Neste sentido, apuntou que permite aos cidadáns con dificultades económicas beneficiarse das prestacións de maneira anónima.