A Xunta apoia con 5 millóns de euros a posta en marcha de novas iniciativas empresariais a través do programa Galicia Emprende

Os apoios alcanzan o 80% do investimento subvencionable e poden chegar aos 400.000 euros por beneficiario

Á hora de avaliar as propostas primarase a creación de emprego, a innovación, a aplicación de medidas de economía verde e circular ou a formación

Ademais, as empresas de economía social e aquelas que dispoñan da Marca Galega de Excelencia en Igualdade recibirán máis puntuación

A Xunta vai activar nos próximos días a nova convocatoria do programa Galicia Emprende, dotada con 5 millóns de euros e que prevé beneficiar a arredor de 50 novas iniciativas ou proxectos empresariais con menos de 42 meses de actividade, mobilizando 6,5 millóns de euros.

Os apoios deste programa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación chegarán ao 80% do investimento subvencionable, ata un máximo de 400.000 euros de axuda por beneficiario, e poden destinarse a obra civil, adquisición de bens de equipo, mobiliario, activos inmateriais, gastos de persoal, alugueiros ou contratacións externas de servizos, entre outros.

O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), prevista para esta semana, e finalizará transcorridos 45 días naturais. Entre os criterios de valoración, primarase a creación de emprego, a innovación, a aplicación de medidas de economía verde e circular ou a formación. Ademais, as empresas de economía social e aquelas que dispoñan da Marca Galega de Excelencia en Igualdade recibirán máis puntuación.

Ao abeiro da anterior edición do programa Galicia Emprende, a Xunta concedeu axudas por case 3,78 millóns de euros para apoiar 106 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos que desenvolven investimentos de 14 millóns de euros e que levan asociados a creación e mantemento de 302 empregos.

Ademais deste programa de axudas, os emprendedores galegos dispoñen de diferentes apoios no ámbito do financiamento e o asesoramento, entre os que se atopa a rede de aceleradoras StartIN Galicia, que conta con iniciativas como as Business Factory vinculadas a sectores estratéxicos como a automoción (BFAuto), o alimentario (BFFood), o aeroespacial (BFAero) ou o farmacéutico (BFMedicines).

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/54421/xunta-apoia-con-5-millons-euros-posta-marcha-novas-iniciativas-empresariais-traves

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.