A Xunta activa mañá a extensión da gratuidade do autobús interurbano a todos os menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova nas áreas de transporte metropolitano

A Xunta activa mañá a extensión da gratuidade do autobús interurbano a todos os menores de 21 anos coa tarxeta ‘Xente Nova’ nas áreas de Transporte Metropolitano.

Esta ampliación, enmarcada no Plan de transporte público de Galicia, permitirá que a partir de mañá os mozos con idades comprendidas entre os 4 e os 20 anos poidan realizar viaxes de balde no transporte público, medida que ata agora se limitaba ata os 18 anos incluídos.

O Goberno galego destinará no ano 2020 unha partida de máis de 2,6 millóns de euros para materializar esta iniciativa, o que supoñería un incremento de máis do 52% na bonificación, pois no ano 2018 realizáronse bonificacións por importe de máis de 1,7 millóns euros.

Os usuarios da tarxeta ‘Xente Nova’, tal e como vén funcionando dende a súa posta en marcha en 2016, poderán realizar de balde un total de 60 viaxes mensuais no transporte público regular por estrada.

Esta gratuidade superará este ano o actual ámbito territorial das Áreas de Transporte Metropolitano e resultará de aplicación en calquera viaxe interurbana que se efectúe en calquera concello da comunidade galega.

A extensión territorial a toda a comunidade realizarase de xeito progresivo, consonte coa programación que aprobará a Xunta de acordo co proceso de dotación de máquinas canceladoras nos novos contratos de transporte.

A poboación obxectivo final de xuventude destinataria, unha vez que se implante en toda Galicia, é de máis de 372.000 persoas, fronte ás máis de 55.500 que na actualidade xa están a utilizar esta tarxeta.

A Xunta tamén avanzará na innovación tecnolóxica, implantando unha tarxeta virtual a través dos teléfonos móbiles, que poderá complementar ou substituír aos actuais dispositivos.

Programa social
Esta iniciativa ten unha compoñente social coa que o Goberno galego busca contribuír á economía das familias, aliviando os gastos que ata o de agora lle podía supoñer o transporte metropolitano dos seus fillos.

A citada iniciativa tamén ten unha vertente educativa, ao facilitar o acceso á formación non obrigatoria, estendendo a gratuidade do transporte aos centros educativos e tamén a outros desprazamentos habituais dos mozos.

A medida contempla ademais o factor de sensibilización e concienciación, xa que coa tarxeta ‘Xente Nova’ foméntase entre os máis novos o uso do transporte público e dunha mobilidade sustentable e respectuosa co medio.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/46028/xunta-activa-mana-extension-gratuidade-autobus-interurbano-todos-menores-21-anos?fbclid=IwAR3r3-H5-BC5mXxoS6Tjr5xVtPzN-t8tsEs–UFEII4fo0aguKCBPrR6z18

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *