A Xunta achega información a autónomos e pemes sobre as axudas e os préstamos destinados aos sectores máis afectados pola actual situación económica

O director do Igape, Fernando Guldrís, e os directores xerais de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participaron hoxe nun encontro dixital centrado nos últimos programas de axudas dirixidas a estes colectivos

Guldrís destaca que coas novas liñas de apoios para o acondicionamento de terrazas e de créditos brandos a Administración autonómica reforza as medidas para a recuperación da actividade do tecido empresarial galego

Toca sinala que a Xunta está a axilizar o máximo posible o pagamento das axudas do Plan de rescate no que se está a investir 84 millóns de euros

O director do Igape participou hoxe tamén na apertura da misión inversa dixital con EEUU na que empresas galegas do sector TIC exploran novas oportunidades de negocio con axentes públicos e privados norteamericanos

O director do Igape, Fernando Guldrís e o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, da Consellería de Emprego e Igualdade, participaron esta tarde nun encontro dixital informativo sobre as últimas liñas de axudas activadas pola Xunta para favorecer a reactivación e dinamización da actividade de autónomos, microempresas e pemes.

Durante as súas intervencións no webinario, os directores destacaron que as dúas consellerías teñen como prioridade apoiar aos colectivos e sectores máis vulnerables ao impacto económico provocado pola pandemia da covid-19 con axudas que lles faciliten levar a cabo a súa actividade e dispor de liquidez para manter os seus negocios no actual contexto.

Nese sentido, o director do Igape lembrou que o novo programa de axudas dirixido aos establecementos hostaleiros e de restauración achegará 3 millóns de euros en apoios directos para permitir adecuar os espazos exteriores e adquirir elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local. Poden solicitalas autónomos e pemes de menos de 50 traballadores e cubrirán o 80% do investimento, sendo a axuda mínima de 1200 euros e máxima de 20.000. Inclúen ademais a achega de anticipos no momento da resolución favorable pola metade da contía da axuda.

No que respecta á nova liña para a concesión de préstamos dotada con 10 millóns de euros, Guldrís fixo fincapé en que está destinada especialmente a achegar liquidez aos sectores con máis dificultades de acceso ao crédito, como a hostalería, o ocio nocturno, o comercio estacional, as feiras ou a economía social. Os préstamos contarán con xuros baixos e próximos ao 0% e poderanse amortizar en sete anos, con tres de carencia.

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, pola súa banda, expuxo as liñas xerais do Plan de rescate no que a Xunta está a investir 84 millóns de euros para apoiar ás persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector da hostalería pechado como consecuencia das medidas ditadas pola autoridade sanitaria.

A iniciativa inclúe tres liñas de axudas diferentes: para autónomas e autónomos con e sen persoal a cargo (o prazo de solicitude remata o próximo venres 18 de decembro); para microempresas e autónomos con persoal contratado; e para os establecementos hostaleiros pechados desde a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro. Os dous últimos apoios poden pedirse ata o próximo 28 de decembro. Toca lembrou que o Goberno galego está a axilizar o máximo posible o pagamento destes apoios sinalando que xa se aboou o 30% das solicitudes recibidas na primeira liña de axudas (autónomos con e sen persoal a cargo).

Destacou, así mesmo, que todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías das axudas poderán chegar ata os 9.200 euros. A directora xeral incidiu, ademais, en que os negocios deste sector ubicados nos concellos máis afectados co nivel máis alto de restrición -coa posibilidade de abrir soamente as terrazas ao 50% ata as 17,00 horas- poden seguir optando as axudas previstas nas tres liñas do Plan.

Misión comercial do sector TIC en EEUU

O director do Igape participou tamén esta tarde na sesión de apertura da misión inversa dixital que durante tres días vai reunir empresas galegas e portuguesas do sector TIC con axentes públicos e privados norteamericanos. Organizado pola Xunta no marco do Proxecto ECICII PLUS para a Internacionalización das pemes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal -cofinanciado polos programas europeos POCTEP e Feder-, o obxectivo deste foro é fortalecer a presenza das empresas galegas das telecomunicacións en Estados Unidos.

Desde hoxe ata o vindeiro venres, as empresas participantes asistirán a relatorios de expertos do sector e manterán encontros con empresarios, investidores e representantes de centros académicos, axencias públicas e aceleradoras do estado de Carolina do Norte, concretamente da chamada ‘rexión do triángulo de investigación’, no que traballan 60.000 persoas e 4000 empresas de tecnolóxicas e que destaca por conformar un ecosistema de innovación referente a nivel mundial e segundo en crecemento de EEUU.

Na súa intervención, Guldrís puxo de relevo a necesidade de seguir esforzándose na procura de novas oportunidades de negocio, investidores e novos socios comerciais no sector TIC estadounidense, especialmente no momento actual, no que o comercio internacional se viu alterado debido á expansión da covid-19. Salientou, ademais, que a misión quere contribuír a mellorar as boas relacións comerciais entre Galicia e EEUU, destino que segue a ser un dos primeiros das vendas galegas, ocupando a décima posición. O 15,4% das empresas exportadoras galegas venden os seus produtos neste mercado.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/54025/xunta-achega-informacion-autonomos-pemes-sobre-axudas-prestamos-destinados-aos

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.