Galicia dispón desde o mes de xullo dun Plan de reactivación con medidas específicas para os centros educativos de 0 a 3 anos
Recóllense medidas como o reforzo da limpeza e a hixiene, o uso de roupa de uso exclusivo dentro do centro ou o emprego da máscara ou pantalla entre os profesionais
A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, reuniuse hoxe con representantes das principais asociacións de escolas infantís de titularidade privada para abordar os detalles previos ao inicio do curso. Galicia dispón desde o mes de xullo dun Plan de reactivación con medidas específicas para os centros educativos de 0 a 3 anos.
Neste Plan de reactivación recóllense medidas tanto previas ao comezo da actividade como cuestións organizativas, referidas á hixiene e á limpeza ou de actuación ante un posible caso. Por exemplo, os profesionais non irán traballar en caso de presentar algún síntoma compatible, garantirase en todo momento a distancia de seguridade entre profesionais e persoas alleas ao centro, evitaranse na medida do posible actividades grupais e reforzarase o control do acceso ao centro.
Así mesmo, tamén se intensificarán as medidas de hixiene e limpeza, tanto alumnos como profesionais empregarán roupa de uso exclusivo dentro do centro e, se non poden ir descalzos, tamén un calzado especial. O persoal traballador usará máscaras ou pantallas de protección, procurando que se manteña o contacto visual coas nenas e nenos.