A Consellería de Educación apraza as probas de acceso a ciclos de FP de grao superior

Proximamente, en función da evolución da pandemia, publicarase un novo calendario

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de tomar a decisión de aprazar a realización da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional, prevista para o día 23 de abril, debido á situación provocada pola pandemia causada polo Covid-19. Proximamente, en función da evolución da pandemia, publicarase un novo calendario de probas de acceso. Polo momento mantéñense as probas de acceso a grao medio para o 28 de maio.

Así mesmo quedan pendentes de actualización as datas de reclamación contra as listaxes provisionais de admitidos nas probas de acceso a ciclos de formación profesional de grao medio. Toda a información pode consultarse no Portal Educativo, na ligazón, http://www.edu.xunta.es/fp/acceso-grao-superior-convocatoria-actual.

O obxectivo destas probas é permitir cursar as ensinanzas de formación profesional ás persoas que non posúan as titulacións esixidas para o acceso, isto é, o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou o título profesional básico (ou outras titulacións equivalentes) para os ciclos de grao medio; e, no caso dos de grao superior, o título de bacharelato ou título de técnico de formación profesional (ou equivalentes). Deste xeito a Consellería facilita e impulsa que as persoas continúen formándose para acadar unhas mellores condicións para o acceso ao mercado laboral.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/48214/conselleria-educacion-apraza-probas-acceso-ciclos-grao-superior

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *