A Xunta publica hoxe a convocatoria específica de axudas do 2º Plan de rescate dirixidas a negocios hostaleiros e outras actividades pechadas pola covid-19

Co anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG) queda activado integramente o 2º Plan de rescate da Xunta que mobilizará 75 millóns de euros

As axudas son compatibles con calquera dos programas que integran o 2º Plan e co resto dos apoios das administracións públicas, incluídos os do primeiro rescate

O Goberno galego ampliou a ximnasios, parques de ocio infantil e outras actividades as axudas desta liña específica, que conta cun orzamento de 15 millóns de euros

As contías a percibir desta liña están entre os 1.900 euros e os 3.700 e terán en conta o tempo de duración da inactividade por establecemento e o número de empregados

A Xunta destina outros 7 millóns para facilitar que restaurantes e cafeterías acondicionen as terrazas e poidan instaurar o servizo a domicilio e para levar

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da nova liña de axudas directas ao sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias adoptadas desde xaneiro, coa que se completa a activación íntegra do 2º Plan de rescate da Xunta, dotado en total con 75 millóns de euros.

O 2º Plan de rescate ten en conta, ademais das da hostalaría, as necesidades doutras actividades afectadas polas medidas sanitarias que obrigaron a pechar establecementos como poden ser os ximnasios, salas de espectáculos ou parques de ocio infantil, entre outros. A orde de hoxe destina 15 millóns de euros de maneira específica a compensar as consecuencias das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias no mes de xaneiro, en aras a preservar a saúde das galegas e galegos nestes espazos.

As axudas concederanse por establecemento e suporán contías que irán dos 1.900 euros aos 3.700, mediante a ponderación da duración dos peches, e con compensacións para os negocios con 10 ou máis persoas empregadas. Unha mesma persoa empresaria pode multiplicar estas cantidades por cada un dos establecementos dos que dispoña.

O prazo de solicitude para acceder a esta nova liña ábrese mañá mércores. Os empresarios disporán dun mes para poder cursar as súas peticións. A Xunta artellou un procedemento electrónico moi sinxelo, sen burocracia e compromete achegar os primeiros pagamentos en cuestión de días, como ocorreu co primeiro plan.

Requisitos

Para acceder ás axudas da liña activada hoxe bastará con que os solicitantes desenvolvan a súa actividade nalgún concello de Galicia e tivesen que pechar polas restricións ordenadas en xaneiro polas autoridades sanitarias.

Ademais da hostalaría, nas ordes con medidas sanitarias aprobadas este ano víronse afectados, entre outros, sectores como o de espectáculos, actividades recreativas e de lecer, cines, teatros, auditorios, ximnasios, centros de lecer infantil, escolas de música e danza, ou de actividade feirante.

A Xunta terá en conta o tempo no que os locais non puideron ter aberto ao público. No caso da hostalaría, computará como tempo de inactividade, o período no que un determinado establecemento mantivese pechado o interior e a barra, a pesares de manter o servizo en terraza ou para recoller.

Excepcionalmente, por mor da situación actual, poderán acceder ás axudas os negocios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas, sen prexuízo de que deban cumprir coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Axudas acumulables

Coa convocatoria de hoxe complétase a activación íntegra do 2º Plan de rescate, que está estruturado en dúas liñas de axuda: a primeira, para persoas traballadoras autónomas e microempresas -que se abriu o pasado xoves e está dotada con 60 millóns de euros-; e esta segunda de hoxe, con axudas automáticas para o sector da hostalaría e outras actividades pechadas desde o pasado mes de xaneiro, cun orzamento de 15 millóns. Desde novembro, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 160 millóns de euros a apoios directos ao tecido empresarial.

Todas as axudas do 2º Plan de rescate son acumulables entre si, polo que un mesmo beneficiario podería obter un máximo de 15.700 euros por negocio. Son, así mesmo, compatibles cos importes recibidos no 1º Plan de rescate. Deste xeito, un empresario que se beneficie de ambos os dous programas poderá percibir en catro meses axudas que van dun mínimo de 3.400 euros ata un máximo de 24.200 euros. Son ademais complementarias co resto das liñas de apoio artelladas polas diferentes administracións.

Para resolver dúbidas sobre o programa a Xunta ten habilitada a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es; ademais da aplicación móbil Gohu dispoñible para iOS e Android. Tamén pode obterse toda a información por medio da web da Consellería de Emprego e Igualdade.

Acondicionamento de espazos

Onte mesmo, por outra banda, a Xunta ampliou ata os 7 millóns de euros a dotación da liña dirixida aos sectores da hostalería e a restauración para facilitar que a súa actividade sexa compatible coas medidas de protección da saúde ante a covid-19. Búscase asegurar a cobertura do maior número posible de investimentos que están a realizar os establecementos no acondicionamento dos espazos exteriores e na posta en marcha do servizo de vendas a domicilio ou para levar. Unha mostra máis do apoio decidido do Goberno galego a un dos sectores que peor o está a pasar por mor da pandemia.

Con apoios directos do 80% do investimento, o programa diríxese a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, sendo a axuda mínima de 1.200 euros e máxima de 20.000. Ademais, inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos gastos realizados. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 28.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/55656/xunta-publica-hoxe-convocatoria-especifica-axudas-plan-rescate-dirixidas-negocios

Enquisa para elaborar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible

O Concello de Culleredo está a elaborar o seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible. É unha das accións incluídas dentro do programa Culleredo Vivo, cofinanciado pola Unión Europea a través do FEDER.

Para realizar o Plan, coa intención de coñecer os hábitos de mobilidade da veciñanza, proponse a seguinte enquisa. O Concello anima a cubrila para así desenvolver o estudo con coñecemento real da situación actual.

http://www.culleredo.es/node/7271

Feijóo anuncia novos pasos en ámbitos da hostalería, a mobilidade e as reunións de non conviventes de cara á unha desescalada gradual, paulatina e baseada na evolución epidemiolóxica de cada territorio

Incide en que as medidas non serán homoxéneas en toda a Comunidade, “senón que haberá varios niveis que se irán aplicando segundo a situación pandémica e hospitalaria de cada ámbito xeográfico

Subliña que a vindeira fin de semana poderán volver a abrir os centros comerciais

Afirma que a Xunta levará a cabo un especial seguimento e incrementará os cribados nas áreas de maior incidencia

Á vista dos datos epidemiolóxicos e unha vez analizados no comité clínico, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou novos pasos en ámbitos como a hostalería, a mobilidade intermunicipal e as reunións de non conviventes, de cara á unha desescalada gradual, paulatina e baseada na evolución epidemiolóxica de cada territorio.

Deste xeito, Feijóo incidiu en que as medidas non serán homoxéneas en toda a Comunidade, “senón que haberá varios niveis que se irán aplicando segundo a situación pandémica e hospitalaria de cada ámbito xeográfico”, dixo, precisando que se dará moita máis importancia á incidencia acumulada a 7 días que a 14 días.

Novos avances na apertura que afectarán a toda Galicia

Nesta liña, referiuse primeiramente aos novos avances na apertura que afectarán a toda a Comunidade.

Así, no ámbito formativo, confirmou que, tal e como estaba previsto, as clases presenciais nas universidades retomaranse o vindeiro luns, 1 de marzo, “e durante esta semana, ofrecerase un cribado aos alumnos das facultades galegas, para garantir unha volta ás aulas o máis segura posible”, reiterou.

No tocante á actividade comercial, subliñou que a principal novidade é que a vindeira fin de semana poderán volver a abrir os centros comerciais.

“En definitiva, estamos a falar dunhas medidas no ámbito formativo e comercial que serán homoxéneas para toda Galicia, á vista da situación epidemiolóxica global”, insistiu, salientando que, en canto ao resto de cuestións, o comité ten decidido retomar os criterios xerais de apertura que xa se aplicaron no seu día, establecendo varios niveis en función da evolución epidemiolóxica, e tendo en conta varias variables obxectivas, como son a incidencia e a ocupación hospitalaria.

Primeiro nivel: concellos cunha incidencia de 500 casos por 100.000 habs. a 14 días

No tocante ao primeiro nivel, é dicir, os concellos cunha incidencia a 14 días superior aos 500 casos por 100.000 habitantes, Feijóo explicou que neles se manterán as restricións ata agora vixentes. Isto é: non se permitirá a mobilidade fóra do concello, salvo nas excepcións xustificadas; a hostalería seguirá pechada; e non poderá haber reunións de non conviventes.

Segundo nivel: concellos cunha incidencia entre 250 e 500 casos por 100.000 habs.

En canto ao segundo nivel, correspondente aos concellos cunha incidencia entre 250 e 500 casos por 100.000 habitantes, nos últimos 14 días, o titular da Xunta subliñou que neles permitiranse as reunións de ata 4 persoas non conviventes; a hostalería poderá reabrir desde o próximo venres, pero só as terrazas -co 50% do aforo- e ata as 18,00 h. “E a mobilidade permitirase entre os concellos que teñan esta mesma incidencia”, recalcou.

A maiores, sitúanse neste nivel todos os concellos que conforman as áreas sanitarias da Coruña, de Ferrol e de Pontevedra, “nos que a baixada do número de pacientes na UCI aínda non se produciu coa intensidade suficiente”, recalcou. No caso destes concellos a mobilidade quedará limitada a aqueles concellos con incidencia menor de 500 que formen parte da mesma área sanitaria.

“Estamos a falar en total de 107 concellos nos que só pode haber terrazas, desde o punto de vista da hostalería, e reunións de ata catro non conviventes”, dixo, a modo de resumo.

Terceiro nivel: concellos cunha incidencia inferior a 250 casos por 100.000 habs.

No terceiro nivel, é dicir, aqueles concellos cunha incidencia inferior a 250 casos por 100.000 habitantes, nos últimos 14 días, inclúense as áreas sanitarias de Lugo, Ourense, Santiago e Vigo. Neste caso, trátase de 189 concellos, que supoñen o 54% da poboación.

En todos eles permitiranse as reunións de non conviventes, ata un máximo de catro persoas; e pode abrir a hostalería coa limitación interior do 30% e do 50% nas terrazas, coas barras pechadas e ata as 18,00 h, como horario límite para o peche. “E tamén está permitida a mobilidade con aqueles concellos que se atopen no mesmo nivel”, engadiu.

Feijóo salientou que os concellos tanto do segundo como do terceiro nivel “tamén avanzan na desescalada no ámbito deportivo”. Así, desde este venres permitiranse aos grupos de ata 4 persoas non conviventes a práctica deportiva, sempre con máscara; e, ademais, poderán abrir as instalacións deportivas, ximnasios e piscinas, sempre respectando aforos, distancias, medidas de prevención e co uso permanente da máscara.

O presidente do Goberno galego recordou tamén que a Xunta está a traballar co sector e coa Fegamp para poñer en marcha un Plan de hostalería segura, que permita ao sector reabrir coas máximas garantías de seguridade e minimizando o risco de que teñan que volver a pechar.

Por último, o responsable do Executivo galego afirmou que a Xunta levará a cabo un especial seguimento e incrementará os cribados na áreas de maior incidencia. E concluíu apelando á responsabilidade social e á cautela de todos, para seguir dando pasos “pouco a pouco” e seguir avanzando.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/55653/feijoo-anuncia-novos-pasos-ambitos-hostaleria-mobilidade-reunions-non-conviventes

A Tarxeta Básica, impulsada pola Xunta, leva beneficiado a 35.200 galegas e galegos desde a súa posta en marcha

O Goberno galego leva investidos 13,8 millóns de euros

Ampliouse esta axuda ata xuño do ano 2021, cunha vixencia máxima de nove meses por tarxeta

O seu importe oscila entre os 150 e os 300 euros ao mes, dependendo do número de membros da unidade familiar

Ampliouse esta axuda ata xuño do ano 2021, cunha vixencia máxima de nove meses por tarxeta

O seu importe oscila entre os 150 e os 300 euros ao mes, dependendo do número de membros da unidade familiar

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/55608/tarxeta-basica-impulsada-pola-xunta-leva-beneficiado-35-200-galegas-galegos-desde

A Xunta impulsa a competitividade empresarial a través dunha nova liña de axudas que apoia proxectos de I+D+i nos que colaboran entre pemes galegas

A Axencia Galega de Innovación (Gain) celebrou esta semana o webinario de presentación da convocatoria Conecta Hubs, dotada con 6,8M€

Estes apoios permitirán avanzar tanto na consolidación dos Hubs de Innovación Dixital como instrumentos de acompañamento ás pequenas e medianas empresas na súa dixitalización, como na especialización do tecido produtivo galego

Os Hubs operan nunha área de especialización determinada e funcionan como un portelo único de acceso a tecnoloxías punteiras e outras ferramentas necesarias para a transformación dixital das pemes

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2021.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, indicou na apertura da xornada Conecta Hubs e outras axudas á dixitalización das pemes que a innovación no contexto actual é máis necesaria ca nunca para reactivar a economía, recuperar emprego e garantir a prosperidade. Neste sentido, sinalou que a modernización do tecido produtivo galego a través da súa transformación dixital permitirá contar cunha Galicia máis competitiva.

Para impulsar esta dixitalización das pemes, a Xunta de Galicia puxo en marcha, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a Estratexia Galega dos Hubs de Innovación Dixital como un novo instrumento de cooperación que aglutina, arredor dunha área de especialización determinada, os recursos necesarios para facilitar o acceso das pemes a tecnoloxías punteiras e servizos de apoio para a súa transformación dixital.

No marco desta Estratexia, nace a convocatoria Conecta Hubs, que apoiará proxectos de I+D+i colaborativos aliñados coas áreas dos Hubs Galegos de Innovación Dixital estratéxicos co obxectivo de avanzar tanto na súa consolidación como instrumento para facilitar a transición dixital das pemes galegas, como na especialización do tecido produtivo galego, mellorando deste xeito a súa competitividade.

Xunto a esta convocatoria de Conecta Hubs, Argerey anunciou que está previsto lanzar outras dúas liñas de apoio destinadas a seguir avanzando na dixitalización das pemes a través dos Hubs: unha nova liña para apoiar proxectos de I+D en materias relacionadas coa Covid-19 e os Bonos, para que as pemes poidan acceder aos servizos dos Hubs Galegos de Innovación Dixital.

Na xornada participaron tamén Norberto Penedo, director de Competitividade do Igape, que expuxo as liñas de apoio do instituto á dixitalización das pemes; Lucía Castro, xerente de DATAlife, que presentou o Hub galego e as súas áreas estratéxicas; Eugenia Mijares, responsable de Relacións Estratéxicas e Desenvolvemento de DIHGIGAL, quen informou sobre as cadeas de valor e as áreas estratéxicas nas que opera este Hub; e Susana Larrea, en representación de SPRI, entidade do Goberno Vasco para impulsar a industria, que explicou o modelo vasco de apoio aos Hubs.

Prazo de solicitudes aberto ata o 22 de abril

Esta liña de apoio, publicada xa no Diario Oficial de Galicia e que ten o prazo de solicitude aberto ata o 22 de abril, está dotada con 6,8 millóns de euros para financiar proxectos de I+D+i colaborativos nas áreas estratéxicas dos Hubs Galegos de Innovación Dixital, aliñados coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e cos obxectivos do programa Europa Dixital.

O programa apoiará tanto proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en proceso e organización como proxectos de innovación en produto. Desenvolveranse a través da cooperación entre pemes principalmente, aínda que tamén pode participar algunha grande empresa que exerza un efecto tractor na primeira modalidade cunha participación limitada.

Como novidade, esta liña de apoio abre un novo marco de colaboración no que os Hubs galegos de Innovación Dixital funcionarán como axentes articuladores do sistema galego de innovación, asegurando a coherencia dos apoios coas súas liñas estratéxicas e avanzando así cara a súa función de portelos únicos. Deste xeito, os Hubs participan nesta convocatoria a través da súa difusión e colaboración na resolución de dúbidas; na emisión dun informe de idoneidade dos proxectos respecto dos seus retos, así como no seguimento dos mesmos.

Os Hubs de Innovación Dixital que foron seleccionados pola Xunta de Galicia son DIHGIGAL, no eido da transformación dixital da industria dirixida ás cadeas de valor da automoción, alimentación, naval, TIC, téxtil, pedra, forestal e aeronáutica; e DATAlife, para as cadeas de valor da biotecnoloxía, saúde, forestal, agroalimentación e mar-industria.

Bases e máis información: http://gain.xunta.gal/artigos/448/convocatoria+conecta+hubs

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/55594/xunta-impulsa-competitividade-empresarial-traves-dunha-nova-lina-axudas-que-apoia

O PP denuncia a existencia de varios vertedoiros ilegais en Culleredo e urxe ao Goberno local a que os elimine

O Partido Popular de Culleredo a través da súa portavoz, Izaskun García, presentará, no pleno municipal que se celebrará a próxima semana, unha moción na que urxe ao Goberno local a que poña fin á existencia de numerosas vertedoiros ilegais que están repartidos ao longo de diferentes puntos do municipio.

Os populares realizan esta demanda despois de, explicou García, visitar algúns destes lugares –Rego de Castro, Monte Costa e Rego de Trabe-, nos que aseguran hai depositados cascallos, neumáticos, colchóns, lixo, aparellos eléctricos, electrodomésticos, cristais… “Estes espazos non poden estar así nin un día máis. É necesario protexer o medio ambiente, a salubridade pública, limpar, recoller e tratar estes residuos”, subliñou a popular, quen asegurou que, ao seu xuízo, o feito de que estes vertedoiros acumulen residuos convida a que a cidadanía siga arroxando máis lixo, que por lei terían que ser recollido e trasladado a unha planta de tratamento autorizada.

Nesta mesma liña, os populares consideran “moi necesario” que o Concello poña en marcha campañas informativas, de control e de vixilancia que, explicou García,  axuden aos veciños de Culleredo a tomar conciencia sobre a importancia de colaborar no mantemento destas contornas.

Protocolo de actuación

Por outra banda, dende o Partido Popular de Culleredo afirman que este problema de residuos vese agravado pola inexistencia de puntos limpos fixos e móbiles con mellores horarios para que os veciños teñan máis facilidade para depositar alí o lixo.

“O Concello debería ter un protocolo de actuación rápido e eficaz para eliminar os vertedoiros ilegais de residuos tanto en terreos públicos, como emprender actuacións para que os espazos privados xestiónense adecuadamente”, indicou García.

Ante esta situación, a moción presentada polos populares demanda a elaboración dun inventario de puntos críticos que actúan como vertedoiros ilegais para, posteriormente, levar a cabo as actuacións necesarias para a súa eliminación e restituír ditas zonas ao seu estado orixinal.

Ademais, no texto, o grupo do Partido Popular reclama tamén a posta en marcha dunha campaña informativa en prensa, radio e redes sociais para concienciar á cidadanía de como se realiza a xestión de residuos, que responsabilidades ten quen faga este vertedura, así como a necesidade da colaboración cidadá para acabar con verteduras de residuos incontrolados. Por último, García urxe ao executivo local a que aumente a vixilancia e o control no cumprimento da normativa, aplicando estritamente a ordenanza de Protección do Medio.

https://ppcoruña.es/o-pp-denuncia-a-existencia-de-varios-vertedoiros-ilegais-en-culleredo-e-urxe-ao-goberno-local-a-que-os-elimine/

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das subvencións a entidades deportivas que se duplica con respecto a 2020

Destaca a nova liña de implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da covid-19 cun importe de 2 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia publica no seu número de hoxe a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia non competitiva de subvencións, a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas e para a implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da covid-19, e se convocan para o ano 2021. Para o financiamento desta convocatoria destínase un total de 3,92 millóns de euros, distribuídos entre a liña de desenvolvemento de actividades deportivas (1,92 millóns de euros) e a nova liña de implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da covid-19 (2 millóns de euros). Deste xeito, o importe total duplícase con respecto ao exercicio de 2020 (1,92 millóns de euros).

No caso das subvencións á actividade deportiva, establécese a contía de axuda máxima por entidade beneficiaria en 10.000 euros. No caso das subvencións para a implementación de medidas de seguridade e prevención ante a covid-19, esta contía máxima poderá ser de ata 3.000 euros, para o caso de entidades que participen en competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que impliquen contacto, e de ata 1.500 euros, para as entidades que participen en competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que non impliquen contacto e para as entidades que participen en competicións oficiais de ámbito autonómico. Neste segundo caso, a entidade pode chegar a recibir ata un máximo de 4.500 euros no caso de que conte con equipos que se enmarquen nos dous supostos anteriores.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cómpre salientar que, ademais do incremento da dotación desta partida, o pasado 5 de febreiro publicábase a resolución das subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos que acadan os 700.000 euros, como no caso do exercicio de 2020 e a pesar do actual escenario de pandemia que provoca que parte da actividade deportiva autonómica federada non se está a realizar. A principios do mes de febreiro, o Consello da Xunta aprobaba a sinatura dos convenios de colaboración coas federacións galegas que tamén manteñen o seu importe de 2020 e o máis elevado da serie histórica desde 2011 sendo este de 4,4 millóns de euros.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/55518/diario-oficial-galicia-publica-resolucion-das-subvencions-entidades-deportivas

Galicia pon á disposición do marisqueo máis de 2 millóns de euros para proxectos de mellora das zonas de produción e para a protección dos ecosistemas

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as ordes de axudas para iniciativas que contribúan a mellorar a produción dos bancos marisqueiros mediante accións como sementeiras e que poden empregarse para paliar os efectos de episodios como os derivados dos últimos temporais Declaracións da conselleira 1 de 2

A Xunta aclara que, unha vez se coñeza o impacto exacto das últimas inclemencias meteorolóxicas, se podería ampliar o crédito destas achegas ou habilitar medidas adicionais de apoio ao sector

Entre as accións subvencionables nas distintas convocatorias atópanse a repoboación das zonas de traballo, a loita contra especies exóticas invasoras, a adquisición de semente ou a recollida activa de lixo mariño

A Consellería do Mar impulsa tamén un proxecto para instalar minicriadeiros de semente de moluscos bivalvos en distintos puntos do litoral de Galicia cos que poder atender a demanda existente no sector

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, expuxo hoxe en rolda de prensa os distintos apoios aos que pode acceder na actualidade o sector marisqueiro galego para mellorar a produción das súas zonas de traballo e protexer os ecosistemas e que poden empregarse para paliar os efectos de episodios como os temporais rexistrados nas últimas semanas. Trátase de tres liñas de axudas que veñen de saír publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) a comezos de mes e que contan cun orzamento global de preto de 2,3 millóns de euros para actuacións como as sementeiras de bivalvos co obxectivo de mellorar a produtividade dos areais.

A titular de Mar subliñou que estes apoios poden destinarse a proxectos que mitiguen o impacto das condicións meteorolóxicas adversas das últimas semanas -que provocaron certa mortalidade nos bancos e debilitaron o marisco como consecuencia do seu desprazamento das zonas nas que estaba asentado así como pola baixa salinidade da auga- e incidiu en que, unha vez se coñezan con exactitude os efectos destes episodios, podería incrementarse o crédito destas achegas ou habilitar apoios adicionais para o sector.

A representante do Executivo galego lembrou que o sector marisqueiro galego foi un dos que máis sufriron o impacto da crise derivada da alerta sanitaria polo coronavirus en 2020 -especialmente polo peche da hostalaría durante o estado de alarma- e lamentou que agora ás consecuencias da pandemia se suman os efectos negativos das inclemencias meteorolóxicas. Por iso, salientou que a Xunta apoiará ao sector, como xa fixo o ano pasado, para que supere as dificultades ao tratarse “dunha actividade esencial, que ten futuro e da que dependen milleiros de familias galegas”.

Detalle das axudas

A primeira das ordes de achegas publicadas polo DOG nos últimos días é a destinada a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles. Esta liña de axudas, cun orzamento dun millón de euros e cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), está destinada ás confrarías de pescadores e demais entidades asociativas do sector que sexan titulares de plans de xestión de recursos marisqueiros.

Entre as actuacións subvencionables que inclúe están a repoboación ou reintrodución de especies autóctonas, polo que permite as sementeiras para recuperar os bancos que presenten elevadas mortalidades. A elas súmanse outras accións como as destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras ou a reducir a contaminación.

A segunda liña de apoios, cun orzamento de 300.000 euros e financiados integramente con fondos propios, é para proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños. Novamente, os potenciais beneficiarios son as confrarías e as entidades asociativas do sector titulares dos plans de xestión e entre as accións subvencionables está a adquisición de semente para repoboar os bancos marisqueiros con perda de produción.

A estas dúas convocatorias de axudas súmase unha terceira destinada a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables mediante a recollida de residuos mariños. Neste caso os apoios, cun orzamento de 980.000 euros e cofinanciados polo FEMP, teñen como posibles beneficiarios as confrarías de pescadores e demais entidades asociativas do sector, as organizacións non gobernamentais (ONG) xunto ás entidades do sector ou as ONG da man dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

Estas achegas, que se convocan por segundo ano, permiten financiar entre 2021 e 2022 accións de recollida no mar de artes de pesca e residuos, a compra e instalación de equipamentos para a recollida e almacenaxe de lixo mariño, a creación de sistemas de recollida de residuos ou a comunicación, información e campañas de sensibilización así como a formación neste eido.

Entre eses apoios inclúense compensacións directas ás mariscadoras e mariscadores a pé así como á frota de artes menores pola recollida activa de lixo. As compensacións diarias no caso do marisqueo equivalen aos ingresos medios da súa actividade por día de faena no trienio 2017-2019 e en función da súa área xeográfica.

Traballo en paralelo

Á marxe das convocatorias de axudas xa vixentes, que poden solicitarse ata comezos de marzo, a conselleira do Mar tamén explicou que a Xunta está a traballar nun proxecto para crear minicriadeiros de semente de bivalvos en distintos puntos do litoral de Galicia -nas tres provincias- cos que paliar a insuficiente dispoñibilidade actual para cubrir a demanda do sector coa finalidade de recuperar os bancos marisqueiros. Trátase dunha iniciativa que está nunha fase inicial e na que o Executivo galego está a traballar xunto co Clúster da Acuicultura de Galicia e coas federacións de confrarías de pescadores galegas co fin de aumentar a produción, impulsar a produtividade dos bancos marisqueiros, elevar os ingresos do sector e crear novos postos de traballo no sector.

A titular de Mar expuxo as liñas de apoio dispoñibles para o sector na sede do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), na ría de Arousa, a zona de referencia en canto a marisqueo de Galicia. Neste sentido, Rosa Quintana destacou que, con datos provisionais e pese ao impacto da crise da covid-19, a ría de Arousa rexistrou en 2020 máis da metade da actividade marisqueira da comunidade coa comercialización de preto de 3.500 toneladas de moluscos bivalvos e uns ingresos duns 38 millóns de euros.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/55474/galicia-pon-disposicion-marisqueo-mais-2-millons-euros-para-proxectos-mellora

Datos definitivos do cribado poboacional dos municipios de Cambre e Culleredo

A Consellería de Sanidade vén de comunicarlle ao Concello os datos definitivos do cribado poboacional conxunto de Cambre e Culleredo. Para a nosa localidade, o 66,64% dos veciños acudiron á realización das probas, nas que se detectaron un total de 21 persoas positivas, unha taxa do 0,22%.

As probas comezaron o pasado 4 de febreiro e ata Acea de Ama desprazáronse máis de 14.000 veciñas e veciños de Culleredo. A incidencia da covid-19 segue en tendencia descendente, aínda que hoxe aínda se rexistra un número de positivos moi elevado, 188.

Desde o goberno local advirten da “suma importancia de seguir respectando as normas para que este esforzo que estamos a facer repercuta positivamente no futuro máis inmediato”, e manifestan o seu agradecemento tanto “á Consellería como aos sanitarios e sanitarias que traballaron no cribado; así como a Protección Civil, Emerxencias, voluntarias e voluntarios e Policía Local, cuxa coordinación foi clave para que todo funcionase á perfección”, destacan. 

http://www.culleredo.es/node/7266

Galicia mantense en máxima restrición para consolidar a melloría das últimas semanas e preparar unha apertura gradual e coa máxima seguridade

Feijóo avanza que o mércores 17 entrarán en vigor varias aperturas graduais, en eidos como o das residencias e centros de discapacidade, o comercio, o deporte ou a cultura

Anuncia que a Xunta seguirá traballando cos hostaleiros para trazar conxuntamente un plan de hostalería segura, que incluirá como mínimo tres aspectos: máxima seguridade para entrar, máxima seguridade ante un posible brote e máximo control

Asevera que o próximo luns 22 de febreiro, volverase a avaliar a situación de xeito que, se segue a tendencia á baixa, poderase seguir a desescalada das restricións que aínda posúe a hostalería

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia se manterá en máxima restrición, para consolidar a melloría alcanzada nas últimas semanas e preparar unha apertura gradual e coa máxima seguridade. “O acordo deste comité clínico é manter Galicia en restrición máxima co obxectivo de afianzar e ampliar a melloría das últimas semanas”, abundou, destacando a posta en marcha de 6 aperturas graduais.

Así, e durante a súa comparecencia para informar das medidas acordadas polo comité clínico, referiuse, en primeiro lugar, ao eido da formación, precisando que as clases presenciais en ensinanzas especiais -conservatorios de música e danza, escolas de idiomas…- retomaranse o próximo luns 22 de febreiro, “agás para a práctica de instrumentos de vento e de canto que os expertos piden aprazar de momento”, matizou.

Por outra banda, salientou que as clases presenciais na universidade volverán o luns 1 de marzo, co obxectivo de empregar a vindeira semana para facer un cribado aos universitarios.

Así mesmo, subliñou que a partir do mércores o comercio recuperará o seu horario, e farao coas mesmas condicións que están consolidadas desde que comezou a pandemia, é dicir, cun aforo do 50 por cento. Se ben, manterase o peche dos centros comerciais en fin de semana.

No tocante á práctica deportiva, o presidente da Xunta explicou que ao deporte individual ao aire libre que xa estaba permitido, engádense dúas novidades: a reapertura das instalacións deportivas ao aire libre para a práctica deportiva individual; e retómase, tamén, a competición federada autonómica.

Cómpre salientar, ademais, a apertura do interior dos restaurantes das estacións de servizo nas vías de altas prestacións, para que os transportistas -acreditando a súa condición coa tarxeta profesional- poidan comer de xeito individual.

Por último, Feijóo anunciou que se volverá a permitir a actividade cultural coas seguintes limitacións: retomarase a actividade en bibliotecas, arquivos, museos, salas de exposicións e outros equipamentos culturais, cun 30% de capacidade máxima permitida; e tamén se retomarán as actividades en cines, teatros e auditorios, coa mesma limitación de aforo.

No que atinxe ás residencias, o titular da Xunta confirmou que naquelas nas que se completase o ciclo da vacina hai dez ou máis días, as visitas pasarán de ser unha por semana a tres por semana, con dous familiares de referencia. E, no caso dos centros de discapacidade, retomaranse as saídas a fin de semana, sempre que pasasen 10 días desde que o usuario recibise a segunda dose da vacina.

“Estas son as decisións que xa acabamos de adoptar”, dixo, subliñando que entrarán en vigor o mércores 17 de febreiro.

Afianzar o conseguido e reforzar a seguridade

En relación ao resto das restricións, o responsable do Goberno galego trasladou algunhas reflexións ou horizontes nos que se está a traballar. Deste xeito, e en relación á hostalería e aos domicilios, aseverou que a aspiración é reabrir o sector “coa intensidade que se concrete e canto antes se poida”, e recuperar tamén a posibilidade de compartir con non conviventes.

Non obstante, subliñou que, dada a etapa na que nos atopamos -con novas cepas circulando e cun proceso de vacinación en marcha-, é preciso afianzar o conseguido para poder dar ese paso; e tamén reforzar a seguridade para que, cando se dea, estar nas mellores condicións posibles.

Neste sentido, aseverou que o próximo luns 22 de febreiro, volverase a avaliar a situación de xeito que, se segue a tendencia á baixa na que estamos, poderase seguir a desescalada das restricións que aínda posúe a hostalería, “co grado de intensidade e en función dos datos epidemiolóxicos de cada ámbito territorial”.

Así mesmo, asegurou que se manterán as axudas que a Xunta ten a disposición do sector e que xa suman 160 millóns de euros; “lamentablemente, cunha nula colaboración do Goberno central e escasa en relación coas administracións locais”, abundou.

Un plan de hostalería segura, trazado co sector

O presidente da Xunta anunciou, tamén, que o Executivo galego seguirá traballando cos hostaleiros para trazar conxuntamente un plan de hostalería segura. “Un plan no que se incluirá como mínimo tres aspectos: máxima seguridade para entrar, máxima seguridade ante un posible brote e máximo control”, explicou, precisando que se deseñará un sistema para transparentar os aforos, co fin de que calquera persoa que entre nun bar ou nun restaurante saiba con exactitude o número máximo de persoas que poden estar nel.

“E imos traballar co sector para establecer un sistema de rexistro de entradas que permita cribar completamente a todos os clientes que compartisen estancia cun positivo”, dixo, ao tempo que engadiu que se solicitará, tamén, un plan de inspección aos alcaldes, que será necesario para a apertura, “porque o control non só corresponde aos propietarios; corresponde tamén ás forzas e corpos de seguridade”.

Sempre e cando as cifras sigan acompañando, o titular da Xunta fixo fincapé en que o obxectivo é que, ao mesmo tempo que reabra a hostalería, se poidan levantar outras das restricións vixentes: como a posibilidade de verse cun non convivente, ou a reapertura parcial dos ximnasios.

Logo de insistir en que “non podemos relaxarnos”, o titular do Executivo galego reclamou novamente unha maior implicación e concreción do Goberno central no proceso de vacinación: “A orde de vacinación non se pode ir improvisando cada semana e é preciso que o Goberno central se someta ao mesmo exercicio de transparencia que as comunidades”, afirmou, referíndose a necesidade de coñecer cantas doses se reserva o Ministerio de Sanidade, a que grupos pretende vacinar e con que velocidade as está inxectando.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/55457/galicia-mantense-maxima-restricion-para-consolidar-melloria-das-ultimas-semanas