Feijóo avanza a apertura este sábado da vacinación sen cita a todos aqueles que aínda non recibiron a primeira dose e a habilitación a vindeira semana de puntos de vacinación nos campus

Respecto á hostalería, destaca a posta en marcha o vindeiro 15 de setembro dun protocolo con dous niveis, segundo o grao de compromiso do local e independentemente de onde se sitúe

Confirma que ao longo destes días traballarase tamén na elaboración dun novo protocolo para o ocio nocturno, co obxectivo de que entre en vigor a principios de outubro

Anuncia novos aforos en eventos deportivos e centros cívicos, sociais e sociocomunitarios

“En definitiva, estas novas medidas para os distintos sectores permiten salvagardar á actividade, dar seguridade para os vindeiros meses e ir dando pasos adiante ao tempo que se mantén a seguridade sanitaria”, di, insistindo en que o fin é buscar unha maior homoxeneidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a apertura este sábado dos centros de vacinación masiva para que calquera galego que non estea vacinado poida acudir sen necesidade de cita e recibir a súa primeira dose; así como a habilitación o luns e martes da vindeira semana -13 e 14 de setembro- de puntos de vacinación nos sete campus galegos para que, tamén sen necesidade de cita previa, a poboación universitaria que aínda non teña a vacina poida acudir a recibir a súa dose.

Durante a rolda de prensa para dar conta das novas medidas acordadas polo comité clínico, Feijóo destacou os avances que se teñen rexistrado no proceso de vacinación na Comunidade, onde un 92,5% da poboación diana xa conta cunha dose e o 85,8% da poboación susceptible de vacinarse xa se atopa inmunizada.

No tocante ás novas medidas aprobadas, o titular da Xunta precisou que, se ben nacen con vocación de permanencia, poderán ser revisadas se as condicións epidemiolóxicas e hospitalarias cambian dun xeito abrupto.

Así, en relación aos niveis de restrición de cada concello, Feijóo subliñou que dada a evolución da pandemia, desde a entrada en vigor das novas medidas o vindeiro sábado, non haberá ningún municipio galego en nivel máximo de risco: Melide e Monforte baixarán do nivel máximo ao nivel alto, onde tamén estarán Viana do Bolo, Curtis e A Pobra de Trives; outros 16 concellos estarán no nivel medio, incluído Ordes; e 292 quedarán no nivel medio-baixo. “É dicir, o 93,3% dos concellos e o 90,3% da poboación galega estará desde esta fin de semana no nivel máis baixo de restricións”, abundou.

Novo protocolo na hostalería

Respecto á hostalería, o responsable do Executivo galego subliñou que o novo protocolo aprobado servirá de guía para os vindeiros meses, co obxectivo de reforzar a seguridade sanitaria e co compromiso coa hostalería segura e de que ningún local deba pechar por completo independentemente da situación epidemiolóxica do concello no que se encontra.

Deste xeito, Feijóo avanzou o establecemento de dous niveis, segundo o grao de compromiso do local. “Nos locais de tipo 1, a ocupación máxima será do 50% en interiores e do 75% en exteriores”, dixo, precisando que estes terán que cumprir cos requisitos mínimos de seguridade sanitaria, pactados co sector: distancia de 1,5 metros entre mesas; exposición pública dos aforos permitidos do local; medidor de CO2, con anotacións como mínimo cada catro horas; máscaras cirúrxicas para o persoal, que se deben cambiar cada 4 horas; e dúas horas de formación en protocolos covid para o persoal.

En canto aos locais de tipo 2 -aqueles que incrementan os requisitos e as medidas-, poderán chegar ao 75% de ocupación no interior e ata o 100% na terraza; ademais de facer uso das barras, sempre para utilización individual ou de dúas persoas se son conviventes.

Así mesmo, deberán cumprir cunha distancia mínima de 1,5 metros non xa entre mesas, senón entre persoas de distintas mesas; cun rexistro de clientes -só para restaurantes-; cun medidor de CO2 continuo, coa recomendación de contar con actuadores que fan saltar automaticamente o aire acondicionado cando se supera determinado nivel; disporán de máscaras FPP2 para aqueles empregados que así o requiran, facilitándolles probas diagnósticas cada 7 ou 14 días, dependendo da situación epidemiolóxica; e catro horas de formación en protocolos covid para o persoal.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta aseverou que en ambos casos, tanto para nivel 1 como para nivel 2, o horario de peche será a unha da madrugada. E, a maiores, reservarase un terceiro nivel de seguridade, para casos extraordinarios cando así o requira a gravidade da situación epidemiolóxica e a ocupación asistencial.

Logo de insistir en que este protocolo entrará en vigor o vindeiro 15 de setembro, confirmou tamén que ao longo destes días traballarase na elaboración dun novo protocolo para o ocio nocturno, co obxectivo de que entre en vigor a principios de outubro.

Aforos doutras actividades

Sobre os aforos doutras actividades, avanzou que nos eventos deportivos, a ocupación pasará en xeral ao 60% en exteriores e 40% en interiores, con independencia do nivel do concello, e na liña do aprobado no Consello Interterritorial. O DOG incluirá unha salvidade para non prexudicar aos pequenos recintos que, coa normativa vixente, tiñan autorizadas ocupacións superiores.

Na actividade deportiva non federada, incluíndo ximnasios, levarase a cabo un diálogo entre a Xunta e o sector para poñer en marcha un protocolo semellante ao da hostalería, fixando medidas independentemente da situación. E os centros cívicos sociais e sociocomunitarios, pasarán de estar pechados nos niveis máximo e alto a ter un 50% de capacidade, mentres que no medio e medio- baixo pasarán do 50 ao 75%.

“En definitiva, estas novas medidas para os distintos sectores permiten salvagardar á actividade, dar seguridade para os vindeiros meses e ir dando pasos adiante ao tempo que se mantén a seguridade sanitaria”, afirmou, facendo fincapé en que o fin é buscar unha maior homoxeneidade.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/61567/feijoo-avanza-apertura-este-sabado-vacinacion-sen-cita-todos-aqueles-que-ainda

Feijóo avanza a Estratexia Educación Dixital 2030 que, cun investimento inicial de 120 M€, permitirá acadar un ecosistema educativo de alto rendemento e a transformación nas aulas

Explica que a planificación definirá unha ducia de accións clave de impacto que abranguen todas as áreas académicas e que involucrarán a totalidade dos integrantes da comunidade educativa, incluíndo docentes, alumnos e familias

Sinala que esta estratexia busca non só educar para a vida dixital, senón integrala na propia ensinanza

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Estratexia Educación Dixital 2030, que contará cun investimento de 120 millóns de euros para os primeiros tres anos de aplicación, permitirá acadar un ecosistema educativo de alto rendemento e a transformación nas aulas.

Trala súa aprobación en Consello, Feijóo incidiu en que esta iniciativa estará sustentada en dous piares básicos: o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento; e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital.

Deste xeito, os obxectivos xerais serán: que ninguén se quede atrás no proceso de dixitalización; unha maior presenza da educación dixital e contextos híbridos de aprendizaxe, que mesturan o dixital e o presencial; a progresiva dixitalización de todo o que rodea ao mundo educativo; atallar a fenda dixital e contribuír a loitar contra o reto demográfico e consolidar a poboación nas contornas rurais.

Para acadalo, o presidente da Xunta subliñou que a planificación definirá unha ducia de accións clave de impacto que abranguen todas as áreas académicas e que involucrarán a totalidade dos integrantes da comunidade educativa, incluíndo docentes, alumnos e familias.

Nesta liña, avanzou que a primeira das actuacións terá que ver coa creación, acondicionamento e dotación de polos creativos en todos os centros educativos públicos de Galicia. “Estamos a falar de espazos de solución de problemas reais, pensamento de deseño e habilidades, abordados dende unha perspectiva de competencia STEM -ciencia, tecnoloxía e matemáticas-“, precisou Feijóo.

Así mesmo, os centros tamén deberán ter un plan dixital, para desenvolver de xeito planificado todas as medidas e aproveitar os recursos cos que contarán a partir de agora.

En relación á terceira acción, o presidente do Goberno galego explicou que esta pasará pola dotación de equipamento vinculado á Intelixencia Artificial, de STEM e robótica.

Outras das medidas serán a posta en marcha dunha plataforma de asistencia ao profesorado mediante a aplicación de Intelixencia Artificial, así como á creación dunha Aula Virtual Intelixente, que permitirá afondar na recomendación de actividades, tarefas e itinerarios personalizados.

Ademais de incidir na loita contra a desinformación, con accións formativas, informativas e de sensibilización contra as fake news, levaranse a cabo accións específicas para garantir a máxima calidade na inclusión educativa en contornos dixitais. E, no tocante á formación, desenvolverase un plan de acreditación de competencia dixital nos diferentes sectores da comunidade educativa e outro plan formativo en recursos dixitais especializados, con tecnoloxías de maior especificidade.

Por último, Feijóo aseverou que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que xa está en marcha, estará en consonancia con esta estratexia.

“En definitiva, con esta estratexia buscaremos non só educar para a vida dixital, senón integrala na propia ensinanza”, concluíu o presidente da Xunta.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/61382/feijoo-avanza-estratexia-educacion-dixital-2030-que-cun-investimento-inicial

Culleredo destina 90.000 euros a subvenciones para deportistas

Son dos líneas de actuación para promocionar el deporte

El Concello de Culleredo ha convocado una línea de subvenciones para deportistas de la localidad dotada con 90.000 euros. Con estas ayudas se pretende promover del deporte en el ámbito estatal y la promoción del deporte en los ámbitos local, provincial y autonómico.

La cuantía de la subvención por persona será como máximo del 100 % del coste total del servicio, programa, proyectos o actividades objeto de la subvención. Se incluyen como subvencionables los gastos de amortización de bienes inmuebles, equipos informáticos, los gastos de asesoría jurídica o notariales, productos para la prevención de la pandemia provocada por el covid o gastos derivados de limpiezas extraordinarias y desinfecciones de los locales en los que se realizan las actividades de las entidades, gastos necesarios para el arranque y puesta en marcha de equipos e instalaciones parados durante el cese de la actividad durante el estado de alarma, gastos extraordinarios de personal o gasto de Internet son parte de las partidas que cubre esta línea de ayudas.

Las solicitudes se deberán presentar en el Registro Municipal o en cualquiera de los registros públicos previstos en la normativa. También puede hacerse efectivas a través de la sede electrónica del Concello de Culleredo. El plazo para presentarlas será de un mes a partir del 31 de agosto.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/culleredo/2021/08/31/culleredo-destina-90000-euros-subvenciones-deportistas/00031630425039277566480.htm

A Xunta activa o primeiro Plan de formación específico para o sector servizos co que impulsará no Xacobeo a cualificación de 4.000 traballadores

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas das que se poderán beneficiar as entidades inscritas ou acreditadas para impartir formación profesional para o emprego nas modalidades presencial, de teleformación ou mixta

Os apoios poden solicitarse desde mañá e ata o próximo 24 de setembro

A Consellería de Emprego e Igualdade inviste neste impulso catro millóns de euros dirixidos principalmente a persoas ocupadas no mercado laboral, aínda que tamén se poderán beneficiar persoas desempregadas

A formación, que arrancará en novembro, impulsarase a través do novo Campus Virtual da Xunta, aínda que tamén será presencial, e potenciarase a realización de cursos dirixidos a persoas con discapacidade

Os traballadores afectados por Ertes ou Eres poderán beneficiarse das accións formativas, así como os socios de empresas de economía social e os autónomos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de recoller hoxe o primeiro Plan de formación específico para o sector servizos co que impulsará ao longo do Xacobeo a cualificación de 4.000 traballadores co fin de mellorar as súas capacidades e adaptalas á nova era dixital. Os apoios, que se poden solicitar desde mañá e ata o próximo 24 de setembro, ambos inclusive, diríxense ás entidades que sexan titulares de centros acreditados ou inscritos para impartir formación profesional para o emprego para aquelas especialidades nas que se solicite o impulso, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.

A Consellería de Emprego e Igualdade destina a esta iniciativa, que se desenvolverá entre 2021 e 2022 e arrancará no mes de novembro, un total de catro millóns de euros. Os cursos de formación están dirixidos principalmente a persoas traballadoras ocupadas, aínda que se admite a posibilidade de que participen persoas sen emprego, ata un 30% do cupo total. Inclúense nos beneficiarios destas accións formativas os traballadores e traballadoras afectadas por un expediente temporal de regulamento de emprego (ERTE) ou por un expediente de regulamento de emprego (ERE), así como os socios de empresas de economía social e persoas traballadoras por conta propia. Así mesmo, poténciase a realización de accións formativas dirixidas a persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial recoñecida.

A Xunta, a través deste Plan, impulsa a teleformación a través do novo Campus Virtual para facilitar o acceso á cualificación dos alumnos e alumnas e, así mesmo, garántese, no caso dos cursos que se impartan de xeito presencial, a saúde dos participantes.

Na concesión das axudas valórase, entre outros aspectos, que as entidades que concorran a estas dispoñan ou teñan solicitado un plan de igualdade de xénero e a diversidade das accións formativas que inclúan nos seus programas. Concederanse anticipos ata o 60% para atender as necesidades de financiamento das entidades.

As accións formativas subvencionables están incluídas no Catálogo de Especialidades do Servizo Público de Emprego do Estado (Sepe) entre as que se atopan, entre outros, cursos de comunicación e traballo en equipo en hostalería; inglés empresarial; tratamento e xestión das queixas e reclamacións; xestión informatizada das vendas; resiliencia, aplicación do modelo de resiliencia ao sector turístico; emerxencias e primeiros auxilios en hostalería; xestión loxística; chinés básico en actividades de venda; ferramentas de difusión e márketing de medidas adaptadas ante a covid-19; sistemas de reserva en liña; ou organización de eventos e protocolo.

Esta medida súmase ao Plan de formación para o emprego dirixido a persoas ocupadas que se publicou no mes de febreiro cun orzamento de 5,5 millóns de euros e enmárcase na aposta do Goberno galego pola formación de calidade, próxima e adaptada ás necesidades do tecido produtivo. É preciso recordar, ademais, que a Xunta ofertará nos próximos dous anos 19.045 prazas de formación para desempregados a través de 1.270 cursos grazas a un orzamento de preto de 48,5M€.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/61137/xunta-activa-primeiro-plan-formacion-especifico-para-sector-servizos-que-impulsara

Os bonos Consolida e Transforma Economía Social poden solicitarse desde mañá e ata o próximo 30 de setembro con axudas de ata 50.000€

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os dous programas nos que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste preto de 5,4 millóns de euros

O Bono Consolida, dotado con 2,8 millóns, céntrase en axudas, cun máximo de ata 20.000 euros, para apoiar a transformación dixital favorecendo o incremento da competitividade das compañías que conten cunha antigüidade mínima de 42 meses

O Bono Transforma Economía Social, con 2,5 millóns, impulsará a recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional mediante fórmulas de economía social

Apoiarase, en concreto ás persoas que decidan asumir a titularidade destas firmas mediante a creación dunha cooeprativa ou de unha sociedade laboral para manter os postos de traballo e a actividade económica

Os dous novos programas, que se activan por primeira vez en Galicia, forman parte da Estratexia galega de economía social a través da que a Xunta destina este ano 33 millóns de euros, un 22% máis que en 2020

As axudas dos bonos Consolida e Transforma Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade poden solicitarse desde mañá e ata o próximo 30 de setembro, tal e como se recolle hoxe nas ordes que saen publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátate de dúas novas liñas de apoio ás que a Xunta destina 5.375.000 euros. Trátase do Bono Consolida, dotado con 2.875.000 euros, para a mellora da competetividade e do Bono Transforma Economía Social que con 2,5 millóns de euros impulsará a recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional mediante fórmulas de economía social.

O Bono Consolida ten como finalidade o afianzamento de entidades de economía social mediante tres liñas de axudas que inciden na transformación dixital das empresas para favorecer o incremento da súa competitividade. A Xunta prevé beneficiar con esta iniciativa a 300 empresas (cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral ou centros especiais de emprego) que estean inscritas nos rexistros administrativos de Galicia e conten cunha antigüidade mínima de 42 meses.

Este programa inclúe tres liñas de apoio: para a transformación dixital da entidade, para a profesionalizacióne desenvolvemento estratéxico e para a mellora da competitividade empresarial a través de investimentos comúns.

Para a transformación dixital das empresas financiaranse os plans de usos de novas tecnoloxías, os equipamentos informáticos e a adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.

A liña de profesionalización e desenvolvemento estratéxico apoiará as investigacións de mercado e análise de potencial competitivo; os plans de márketing, comunicación ou de relanzamento comercial; os plans de futuro e de mellora do negocio; os plans de mellora de xestión financeira; os plans de integración empresial; os análises de cumprimento normativo e riscos legais; a obtención de certificacións de calidade; e a creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.

O terceiro dos programas do Bono Conslida inclúe axudas para a adquisición de equipamento; reforma do local; e mobiliario.
O Bono prevé anticipos de ata o 90% e cubrirá ata o 80% do custo subvencionable cos límites seguintes: 10.000 euros para os gastos incluídos na liña de transformación dixital; e 5.000 euros en cada un dos outros dous programas. O máximo que poderá percibir unha empresa será 20.000 euros por solicitante.

O Bono Transforma Economía Social

O Bono Transforma Economía Social, por outra banda, impulsará a recuperación duns 40 negocios en crise ou sen opción a remuda xeracional mediante fórmulas de economía social, apoiando ás persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade destes negocios mediante a creación dunha cooperativa ou dunha sociedade laboral que lles permita manter os postos de traballo e a actividade económica.

O programa inclúe catro liñas de financiamento cun máximo de 50.000 euros por entidade beneficiaria. Así, a Xunta prevé apoios para investimentos vinculados á adquisición de activos esenciais para o óptimo funcionamento da nova entidade con apoios máximos de ata 40.000 euros; para os asesoramentos precisos no cumprimento das obrigas legais e no proceso de planificación e valoración económica previa ao proceso de transformación con axudas máximas de ata 10.000 euros; para o desenvolvemento de servizos de profesionalización, planificación e plans estratéxicos con apoios máximos de ata 10.000 euros; e para financiar gastos correntes nos que incorra a entidade transformada nos doce meses seguintes a súa constitución con axudas máximas de ata 10.000 euros.

O Bono Transforma Economía Social tamén inclúe anticipos do 90% e financiará como máximo o 80% dos custes. As contías máximas en cada liña de axudas incrementarase nun 10% no caso de entidades que se vaian a transformar e estean nun proceso concursal; cando a entidade transformada estea emprazada nun concello rural; o cando sean empresas orientadas á venda de produtos.

O Goberno galego considera que as empresas de economía social teñen demostrado a súa capacidade de resistencia en tempos de crise económica, de creación de emprego estable e de calidade e de vinculación co territorio polo que resulta unha das súas prioridades facilitar a súa consolidación e poden constituír unha alternativa viable para aquelas empresas mercantís que corren perigo de peche sexa por motivos económicos, financeiros ou comerciais, ou sexa por falta de remuda xeracional. Neste contexto derivado da covid-19, é preciso para a Administración autonómica impulsar este tipo de apoios que se encadran na Estratexia galega de economía social 2019-2021 a través da que este ano a Xunta inviste 33 millóns de euros, un 22% máis que en 2020.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/61015/bonos-consolida-transforma-economia-social-poden-solicitarse-desde-mana-ata-proximo

A Xunta comezará a vacinar ás persoas do grupo de idade de entre 16 e 14 anos a vindeira semana

Sanidade realiza un axuste nos aforos dos locais de hostalería e ocio nocturno, ampliando a súa ocupación

Galicia non contará con concellos en nivel máximo de restricións desde o vindeiro sábado

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou está mañá o comezo da vacinación, a vindeira semana, do grupo de idade con idades comprendidas entre os 14 e o 16 anos.
Acompañado polo xerente do Sergas, José Flores; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o membro do comité clínico, Pedro Rascado; o titular de Sanidade adiantou que esta mesma semana se comezarán a enviar as mensaxes de citación aos mozos e mozas galegas desta franxa de idade.
Na rolda de prensa posterior á xuntanza do comité clínico, o responsable de Sanidade subliñou que a situación epidemiolóxica de Galicia “é estable e con tendencia descendente”, de acordo á baixa rexistrada nos datos de incidencia acumulada en todas as áreas sanitarias galegas. Con todo, convidou á poboación a “non baixar a garda, nin confiarse” pois “o virus segue activo e contaxiando”.

Axustes dos aforos nos locais de hostalaría e ocio nocturno

Respecto dos aforos nos establecementos de hostalería e ocio nocturno, o conselleiro de Sanidade precisou que trala decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia “foi necesario realizar axustes”, polo que o comité clínico decidíu establecer unhas normas transitorias para seguir protexendo á poboación.
Neste sentido, nos concellos en nivel máximo os establecementos hostaleiros continuarán pechados nos seu interior, cun límite de aforo do 50% do seu exterior; no caso dos concellos en nivel alto establécese o 30% de ocupación no interior e o 75% nas terrazas; no nivel medio fíxase o 50% no interior e o 100% no exterior e, finalmente, nos locais emprazados en concellos con nivel medio baixo de restricións, o aforo fixase no 75% no interior e o 100% nas súas terrazas.
En canto aos locais de ocio nocturno, nos niveis máximo e alto permanecerá pechado o seu interior, permitíndose un aforo do 75% no exterior. Así mesmo, no nivel medio poderase ocupar o 50% da capacidad edos locais no seu interior e o 75% nas terrazas. Por último, no nivel medio baixo, o interior dos establecementos quedará límitado ao 50%, permitíndose o 100% nos seu exterior.
García Comesaña salientou que é preciso continuar a cumprir a medidas hixiénico sanitarias establecidas -uso da mascarilla e distancia de seguridade-, co ánimo de garantir unha hostalería segura. Ademais, lembrou que os grupo de persoas no interior limítase a un máximo de 6, e a un total de 10 persoas no seu exterior.
Sobre o proceso de vacinación, detallou que a Xunta de Galicia leva administradas xa un total de 3.802.444 dosis, coas que 1.859.569 de galegos e galegas xa contan coa pauta completa e, 259.341 persoas xa teñen a primeira dose.
Neste sentido, apuntou que na presentes emana a Xunta de Galicia continúa a vacinar con primeiras dosis a persoas menores de 20 anos, así como a realizar repescas entre a poboación maior de 40. Sobre este último grupo, salientou que as persoas que así o desexen poderán solicitar a súa cita de vacinación a través do teléfono 981 215 930. Ademais, avanzou que tamén levará a cabo a vacinación de embarazadas e persoas en situación de risco de exclusión social.
No que atinxe aos datos epidemiolóxicos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, indicou que a incidencia acumulada na comunidade galega “continúa cunha evolución favorable”, situándose nestes intres en 166 e 426 casos, a sete e a catorce días, respectivamente. Sobre este particular, a responsable sanitaria destacou as súas importantes baixadas, do 34% e do 24%, respecto dos datos da semana pasada.
En canto ao numero reprodutivo instantáneo, na actualidade todas as áreas sanitarias galegas están por debaixo de 1 e, a taxa de positividade actual, fica situada arredor do 9.5%.
Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, repasou a situación asistencial dos centros sanitarios galegos, apuntando que ”se continúa a manter a tendencia de baixada en todos os niveis asistenciais”.

Niveis de restricións por concellos

Durante a xuntaza que mantivo esta mañá o comité clínico, e tras avaliar a situación epidemiolóxica do conxunto de concellos galegos, o grupo de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia, acordou o nivel alto de restricións nos municipios de Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, A Coruña, Arteixo, Betanzos, Cee, Miño, Sada, Camariñas, Vimianzo, Cabana de Bergantiños, Pontedeume, Cabanas, Ares, Rábade, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Grove, Meis, Bueu, Pontecaldelas, Redondela, Tui, Vigo, Arbo, As Neves, Nigrán, Tomiño, O Rosal, Ponteareas e A Cañiza.
Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos seguintes concellos: Zas, Coirós, Corcubión, Carballo, Carral, Cerceda, Abegondo, Coristanco, Curtis, Ponteceso, Oza-Cesuras, A Laracha, Cambre, Culleredo, Oleiros, Cariño, Fene, Narón, Neda, Ferrol, Ames, Ribeira, Padrón, Rianxo, Santiago de Compostela, Boiro, Silleda, Touro, Santa Comba, Trazo, Outeiro de Rei, Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Monterroso, Barreiros, Ribadeo, Viveiro, Avión, Allariz, Xinzo de Limia, A Veiga, Ourense, O Carballiño, Coles, Verín, A Lama, Portas, Cambados, Marín, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Catoira, Caldas de Reis, Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Soutomaior, Gondomar, Salvaterra do Miño, Cangas, Moaña, Mos, Salceda de Caselas, Mondariz, Pazos de Borbén, Baiona, O Porriño e A Guarda.
Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo.
Todas estas medidas entrarán en vigor a partir das 00:00 horas do sábado 21 de agosto.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/61035/xunta-comezara-vacinar-persoas-grupo-idade-entre-16-14-anos-vindeira-semana

O DOG publica a ampliación nun 48% do orzamento dos obradoiros duais ata os 34,2M€ para formar e ofrecer un traballo a preto de 2.000 persoas desempregadas

Son 11 millóns de euros que a Consellería de Emprego e Igualdade eleva no presuposto desta convocatoria, o que permitirá desenvolver 94 programas mixtos de formación e emprego entre 2021 e 2022

A meta desta ampliación é poder atender o 100% das solicitudes presentadas

Priorizaránse ás persoas que teñan especiais dificultades de inclusión no mercado laboral como son, entre outros, os emigrantes retornados, as mulleres vítimas de violencia machista, parados de longa duración ou persoas con discapacidade

Os participantes recibirán, ademais da formación, un contrato de traballo de 9 meses de duración e primaránse os programas que inclúan formación forestal, a posta en valor das rutas do Camiño de Santiago, proxectos de aldeas modelo ou os promovidos por concellos incluídos en áreas declaradas Reservas da Biosfera

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación do orzamento adicado á convocatoria de axudas dos obradoiros duais emprego para 2021-2022 que se incrementa nun 48%, o que son máis de 11 millóns de euros co afán de poder resolver o 100% das solicitudes presentadas. Así, o programa conta con 34,2 millóns de euros coa previsión de poder ofrecer formación e un contrato de traballo a preto de 1.900 persoas sen emprego e poder implementar 94 obradoiros.

Deste xeito, as persoas desempregadas que participen nestes programas, que desenvolven os concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo. Ademais, unha vez remate o obradoiro, os alumnos e alumnas teñen a opción de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.

É meta dos obradoiros duais de emprego o incremento das oportunidades laborais dos galegos e galegas. Teñen unha triple dimensión: mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; ademais de colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

Para acceder a estes obradoiros priorizaránse ás persoas que teñan especiais dificultades de inserción no mercado laboral como son, entre outros, as persoas emigrantes retornadas; as mulleres; as vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3 nos que se require unha maior formación; e persoas con discapacidade.

Prímanse os programas que inclúan formación forestal; cualificación en conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación delimitadas do Camiño de Santiago; os obradoiros que teñan por obxecto actuacións enmarcadas en proxectos de Aldeas Modelo dirixidas á recuperación da capacidade agronómica do perímetro do proxecto e á rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística; e os programas promovidos por concellos que teñan todo ou parte do seu termo municipal incluído en áreas declaradas Reservas da Biosfera.

Apoio ao emprego local

A actuación enmárcase na aposta do Goberno galego por incrementar a inclusión laboral e a estabilidade dos galegos e galegas e por colaborar cos concellos na contratación de persoas desempregadas. Así, neste senso, destacan, entre outros, as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios; as axudas para apoiar a contratación de persoas sen emprego para a realización de servizos de interese xeral e social nas que este ano o investimento é de 1,5 millóns de euros para a contratación de 464 socorristas en 163 concellos galegos, ou o programa Aprol Rural para apoiar a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos a través dun investimento de sete millóns de euros.

Así mesmo, a Consellería de Emprego e Igualdade promove os obradoiros para menores de 30 anos nos que participarán 300 mozos e mozas, un programa que conta cun orzamento próximo aos sete millóns. Neste eido, tamén destacan os programas integrados de emprego cun orzamento de 10 millóns de euros ou as axudas aos orientadores laborais con 6,8 millóns de presuposto. De feito, a Xunta leva activados este ano, incluído o orzamento dos obradoiros duais, máis de 74,2 millóns de euros para apoiar o emprego local.

O Executivo autonómico traballa así nunha recuperación económica que pon no seu eixo de actuación ás persoas mediante o seu benestar da man do emprego e a inserción laboral, feitos que non se entenden sen a adecuada e progresiva formación e capacitación.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/60997/dog-publica-ampliacion-nun-48-orzamento-dos-obradoiros-duais-ata-34-para-formar

A Xunta impulsa a elaboración de traballos de investigación sobre a Administración Pública de Galicia

Coa convocatoria do Premio Manuel Colmeiro perséguese fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e instrumentais do sector público de Galicia

A dotación económica do premio é de 3.500 euros e poderán presentarse solicitudes ata o 15 de outubro

A Xunta de Galicia, a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), vén de convocar unha nova edición do Premio Manuel Colmeiro, coa finalidade de impulsar a elaboración de traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e instrumentais do sector público de Galicia.

A dotación económica do premio é de 3.500 euros e o prazo de presentación das solicitudes rematará o 15 de outubro, as cales deberán ser presentadas de forma obrigatoria por medios dixitais na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Con este premio, a Xunta persegue o fomento do esforzo investigador, así como a realización de estudos sobre a Administración da nosa comunidade coa finalidade de afondar nunha mellora do actual funcionamento das estruturas administrativas.

A convocatoria está aberta a persoas –de xeito individual- ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea que poderán presentar investigacións desde calquera perspectiva, xa sexa histórica, xurídica, administrativa, política, sociolóxica ou económica. Os traballos poderán versar sobre a súa organización, estrutura, funcións ou ámbitos de competencia.

Os traballos deberán ser orixinais, inéditos e non premiados con anterioridade, considerando inéditos aqueles traballos que non fosen obxecto de divulgación ou publicación nos termos da lexislación de propiedade intelectual. En consecuencia, non se considerarán como inéditos aqueles que fosen publicados, divulgados ou postos a disposición do público por medios telemáticos, xa sexa internet ou outras redes.

As bases completas poden consultarse en:
https://egap.xunta.gal/Documentos/premios/[1621838563]convocatoria.pdf

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/60953/xunta-impulsa-elaboracion-traballos-investigacion-sobre-administracion-publica

A Xunta concede a mención de excelencia a tres novos máster universitarios, polo que xa son seis as titulacións con este selo de calidade

Trátase das titulacións en Bioinformática para Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, en Tradución para a Comunicación Internacional da Universidade de Vigo, e en Biotecnoloxía Avanzada, que se imparte conxuntamente entre a UDC e a UVigo

O Goberno galego implantou o ano pasado este selo de calidade, pioneiro no Estado, coa que contarán o vindeiro curso un total de seis máster

A Xunta de Galicia vén de outorgar a mención de excelencia a tres novos máster universitarios, polo que xa son seis as titulacións que acadan este selo de calidade nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Así pois, incorporan esta distinción os máster en Bioinformática para Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, en Tradución para a Comunicación Internacional da Universidade de Vigo e en Biotecnoloxía Avanzada, que se imparte conxuntamente entre a UDC e a UVigo, tal e como establece a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.

Estas titulacións sumánse aos Máster Universitario en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, e o Máster Universitario en Enxeñería Informática (UDC); e ao Máster Universitario en Enxeñería Ambiental (USC), que o curso pasado inauguraron esta mención de calidade pioneira no conxunto do estado.

A mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento; e, doutra banda, tamén supón unha garantía de futuro para os estudantes.

Ademais, a obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario que, para este ano, prevé unha achega de 20.000 euros por cada unha delas.

Estas mencións outórganse logo de analizar e revisar toda a documentación acreditativa enviada polas universidades. Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do máster como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais.

Outros aspectos que se tiveron en conta foi os resultados do máster (enquisas de satisfacción, seguimento dos esgresados no mercado laboral,…), a estratexia (visión, misión e desenvolvemento futuro do máster, o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención, o plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras), o profesorado, ou as estratexias de emprendemento.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/60924/xunta-concede-mencion-excelencia-tres-novos-master-universitarios-polo-que-son